O Outono Cultural de Tomiño dedica o mes de novembro á música

  • Máis de 300 persoas pasaron polo Auditorio de Goián para ver teatro durante outubro
  • Este domingo actúa en concerto, a partir das sete da tarde, Sergio Tannus, músico brasileiro afincado en Galicia que presentará o seu disco “Son Brasilego”

Tras o éxito do mes de outubro, o Concello de Tomiño continúa coa programación de outono con concertos de diferentes tipos de música ao longo de todo novembro.

Perto de 300 persoas asistiron ás seis actuacións teatrais e cinematográficas do mes pasado. Primeiro foi Teatro do Morcego, con Os vellos non deben de namorarse, seguidos de Retrincos de Castelao de Culturactiva; Go on! de Malasombra Teatro; Anriquito do Grupo San Roquiño de Goián. Pecharon o ciclo de teatro Carlos Blanco e Luis Davila, con Menú da noite e Menú do día, respectivamente.

Despois da actuación de Talabarte, a fin de semana pasada, chega este domingo “Son Brasilego, con Sergio Tannus Trío (entrada 6 euros) (1). O sábado 19 (20.00 horas), os músicos Vaamonde, Lamas e Romero actuarán xunto á Agrupación Musical de Goián, con entrada de balde (2). Por último, pechará o mes da música, o domingo 27 (19.00 horas), ”Deserto de centos”. Con Sonia Lebedinsky (3). Custe da entrada 6 euros.

Todos os eventos celebraranse, coma é habitual no Auditorio de Goián, sendo posible mercar as entradas unha hora antes da función.

Paralelamente, segue aberta a exposición A retranca dun país (humor gráfico), de Luis Davila, até o domingo 27 de novembro e entrada de balde.

 

(1). Sergio Tannus Trío

Sérgio Tannus é un dos artistas máis completos da “safra brasileira”. Autodidacta e virtuoso en instrumentos variados, como guitarras, violões, baixos, cavaquinho, bandolín e percusións. Desde 2006, vive en Santiago de Compostela. Desde a súa chegada a Galicia, leva compartindo experiencias e colaboracións, tanto como músico acompañante, coma en calidade de produtor musical, con artistas como Uxía, Antonio Zambujo, Carlos do Carmo, Chico Cesar, Lenine, João Afonso, Kepa Junkera, entre moitos outros. Ademais, tamén co-produciu e gravou varios CDs infantís de moito éxito en Galicia; entre eles, “Maria Fumaça” e “Rosalía pequeniña”, con Uxía.

Tamén actuou co seu trío en obras teatrais como “Ordem e Progresso”, xunto ao Carlos Blanco.

Desde xullo de 2013, Tannus agregou ao seu vasto currículo musical, outro importante proxecto, aceptando a invitación de formar parte da banda e xira mundial da cantante Doce Pontes, unha das voces máis significativas e famosas de Portugal.

Tras numerosos traballos e colaboracións con outros artistas, en 2012 ideou e levou a cabo o proxecto do seu novo disco “Son Brasilego”; un proxecto de gran porte e numerosos colaboradores, no cal o apoia, como sempre, a formación base que conforma o seu trío.

Este disco, que presentará o vindeiro domingo en Tomiño, aposta polo intercambio, achegamento cultural e persoal, fusión de ideas, ritmos e raíces comúns. Pero sobre todo é un agasallo, un agradecemento a todos aqueles músicos e amigos que fixeron posible o crecemento musical e artístico de Sérgio Tannus deste lado do Atlántico.

(2). “TRÍO VAAMONDE, LAMAS E ROMERO” coa Agrupación Musical de Goián.

O tradicional concerto de Santa Cecilia terá este ano, como novidade, o trío musical “Vaamonde, Lamas e Romero”, ao que acompañará a Agrupación Musical de Goián, nun concerto orixinal e divertido.

Trátase de tres músicos que uniron os seus talentos en 2006, para formar o proxecto VL&R.

O conxunto mestura tres traxectorias que teñen pasado por diferentes estilos como o jazz, o folk ou a fusión, conseguindo unha nova combinación chea de talento, na que tamén hai espazo para a retranca.

(3). ”Deserto de centos”. Con Sonia Lebedinsky

Tras ser durante unha década a voz do exitoso grupo Fía na Roca, Sonia Lebendynski, artista afincada en Boiro, presenta o seu primeiro traballo en solitario “Deserto de centos”. Trátase dunha viaxe didáctica cara a un horizonte por descubrir.

Entre os colaboradores do disco figuran Xosé Lois Romero , Guadi Galego, Uxía e Óscar Losada.