O outono deixa á vista más de 200 novos niños de vespa asiática en Tomiño

  • O Concello ten que utilizar persoal municipal e de Protección Civil, e facer fronte á compra de traxes especiais, ferramentas e produtos necesarios

 

 

A chegada do outono trouxo aparellada á caída das follas das árbores, a aparición de máis de 200 novos niños de vespa asiática, que teñen saturados os servizos de extinción municipais.

O Concello ten que empregarse a fondo para poder retirar esta gran cantidade de niños, utilizando persoal municipal e de Protección Civil; unha grúa e outra maquinaria dispoñible, tendo incluso que adquirir traxes especiais para esta tarefas, unha pértega con bomba e os produtos necesarios para a eliminación dos niños, co gasto conseguinte para as arcas municipais (máis de 4000 euros no último semestre do ano).

Tomiño centro segue a ser unha das zonas máis afectadas, aínda que hai numerosos niños en todas as parroquias do municipio. Moitos dos veciños e veciñas afectados chaman ao 112, mentres que outros acoden directamente ao Concello.

 

So entre os meses de xuño e agosto de 2016, o Concello de Tomiño retirou polos seus propios medios, un total de 62 niños de vespa velutina nas distintas parroquias do municipio. No mes de setembro a veciñanza continuaba demandando a axuda do Concello, polo que a actividade é permanente. De feito, Tomiño é un dos municipios galegos que figuran entre os máis afectados por este insecto invasor, que ameaza as cólmenas poñendo en perigo o futuro da produción apícola e minguando o importante papel polinizador que teñen as abellas.

 

O concelleiro de Medio Rural, Lois Vázquez, explica que A Consellería de Medio Rural solicitou nun primeiro momento, a colaboración do ente municipal, desentendéndose logo da súa  responsabilidade. “Os veciños e veciñas chaman ao 112 e se lles remite directamente ao Concello”, comenta o edil, lembrando que este insecto invasor orixinario do Norte da India, é un grande inimigo non so das abellas, senón tamén doutras especies de insectos polinizadores, poñendo ademais en perigo a diversidade de especies e a produción agraria (especialmente de froitas); sector este moi importante na economía do municipio.

 

Comenta o concelleiro de Medio Rural de Tomiño, a situación actual foi comunicada xa á Xunta de Galicia, sen que até o momento, esta se fixera cargo da eliminación dos niños, ou alo menos, dos gastos ocasionados polos traballos realizados.