O Plan Móvese da Deputación de Pontevedra preveé a instalación de 13 pasos de peóns sobreelevados e 26 reductores de velocidade na comarca do Baixo Miño

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou o pasado martes, que a Deputación instalará case 600 redutores de velocidade nas estradas provinciais de 46 concellos da provincia grazas á aplicación do Plan MÓVESE (Mobilidade e Velocidade Seguras). Segundo dixo, a instalación deses elementos físicos de calmado do tráfico “é a única fórmula para reducir tamén o número de accidentes e de feridos”.
En concreto, instalaranse 337 pasos de peóns sobreelevados (PPS) -coñecidos como lombos de asno- e 260 redutores de velocidade para vehículos (RFVV) nas vías de titularidade da Deputación cun orzamento total de 3,866.380,92 euros, todos eles proxectados de maneira independente e con características técnicas adaptadas ás vías nas que se constrúen (sección, largo de vía, existencia de beirrarúas, pluviais, iluminación…).
Benítez destacou que a violencia viaria é un problema evitable, xa que é causa dun claro exceso de velocidade. Destacou, así, que a metade das vítimas mortais de accidentes son peóns, ciclistas e motociclistas, os colectivos máis vulnerables, sendo os sinistros de tráfico a primeira causa de morte entre a mocidade de entre 15 e 29 anos. “Podemos poñer radares, sinais, multas, pero a única actuación efectiva para baixar velocidades é instalar redutores físicos”, subliñou.
O deputado salientou que as administracións competentes en materia de estradas deben estar comprometidas con solucionar o problema e apostar por crear espazos de convivencia entre as diferentes mobilidades, revertendo as políticas aplicadas ata o de agora, que daban preferencia aos vehículos nas actuacións das estradas. “Agora a protagonista debe ser a persoa”, insistiu. Por outra banda, tamén puxo de relevo as características do territorio na provincia de Pontevedra, na que se da un continuo de vivendas e, por tanto, de cidadáns que fai que atopar fórmulas de seguranza sexa máis complexo. “Falamos de separar ciclistas e peóns, pero a realidade é que non hai cartos para facer sendas peonís e beirrarúas en todas as estradas da provincia. Hai que atacar a situación desde outra perspectiva. O Plan MÓVESE é unha aposta para calmar o tráfico axustada á realidade galega e á realidade económica”, defendeu.
Neste sentido, Benítez fixo un chamamento aos alcaldes instándoos a escoller os colectivos aos que queren priorizar no seus concellos: se aos condutores de vehículos con estradas para que vaian rápido e cheguen antes aos seus destinos, ou aos veciños que transitan pola vila aumentando a seguranza viaria nas estradas. “Sabemos que os lombos son incómodos indo nos coches, pero non debemos ter medo a priorizar ás persoas, porque a demanda social en canto á seguranza viaria ten cambiado moito nos últimos anos: cada vez máis colectivos e veciñanza demanda actuacións de redución de velocidade”, asegurou.
En canto ao desglose do Plan MÓVESE, o deputado de Mobilidade destacou que foi un traballo global no que se leva traballando dende hai máis dun ano coa participación e necesarias aportacións dos concellos. De feito, foron os gobernos locais os que remitiron as súas solicitudes -chegaron a ser máis dun millar- que logo foron valoradas polos técnicos provinciais. Practicamente actuarase en todas as vías provinciais nas que houbo solicitudes, se ben déixanse fóra estradas nas que están previstas ou en redacción outro tipo de actuacións máis globais, xa que incluirán de por si redutores de velocidade. Segundo dixo, en función dos resultados desta primeira fase, estudiarase a apertura dunha nova quenda de solicitudes.

Actuacións

Por comarcas, en Pontevedra (Pontevedra, Vilaboa, Pontecaldelas, A Lama, Cotobade, Barro e Poio) haberá 70 novos lombos e 75 redutores. En O Morrazo (Cangas, Moaña, Marín, Bueu) haberá 37 novos pasos sobreelevados e 24 redutores, en Vigo (Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda, Mos, Pazos, Fornelos, Redondela e Soutomaior) están proxectados 113 PPS e 37 redutores de vehículos.
No Baixo Miño (Tui, Tomiño e O Rosal) instalaránse 13 PPS e 26 RFVV, mentres que no Condado (Ponteareas, Salvaterra, As Neves, Mondariz) 28 e 10 respectivamente, e na Paradanta (Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente) serán 11 e 6.
Na zona do Deza, onde apenas houbo solicitudes, serán 5 os lombos a instalar e 14 os redutores para vehículos nos concellos de Lalín e Silleda. Na comarca de Caldas (Caldas, Portas, Moraña, Cuntis, Valga, Pontecesures e Catoira) instalaranse 25 PPS e 26 redutores, mentres que no Salnés (O Grove, Sanxenxo, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Illa de Arousa) deseñáronse 35 PPS e 42 RFVV.
Para facilitar a execución dos traballos, e co obxectivo de que comecen as actuacións no mes de marzo -na primavera-, dividiuse o proceso de licitación en catro lotes ou proxectos de construción. O primeiro para Pontevedra e Morrazo (1,1 millóns de euros), outro para Vigo (1,2 millóns de euros), o terceiro para Baixo Miño, Condado e Padaranta (569.858 euros) e o último para Deza, Caldas e Salnés (933.692,53 euros).
Xornadas se seguranza viaria
O Plan MÓVESE foi presentado por Uxío Benítez no marco da celebración das ‘Xornadas Sobre Seguranza Viaria. Métodos de Calmado do tráfico’ organizadas pola Deputación de Pontevedra con motivo do ‘Día Mundial de Recoñecemento das Vítimas de Violencia Viaria’, que coincidiu o pasado domingo día 20. Entre os asistentes estiveron a responsable provincial da Dirección Xeral de Tráfico, do Colexio Galego de Enxeñeiros, da Axencia Galega de Infraestruturas (Xunta de Galicia), da Fanpa, da Federación Galega de Ciclismo e outros colectivos ciclistas (Pedaladas, Bicicleando…), así como doutros colectivos vencellados coa mobilidade, xuntándose máis de 130 persoas.
A presidenta da Deputación, que abriu oficialmente o certame, reivindicou o necesario “xiro absoluto” que debe dar o tratamento á mobilidade, poñendo ás persoas como centro das actuacións en materia de infraestruturas viarias. “A nosa aposta estratéxica é a seguranza viaria. Hai un berro silencioso para loitar contra os accidentes de tráfico e as administracións deben ter como primeiro obxectivo aplicar medidas que permitan que as persoas gocemos dunha maior seguranza viaria. Temos que cumprir coas nosas obrigas e loitar por cambiar os hábitos”, dixo.
Silva agradeceu a presenza dos poñentes de Stop Accidentes, Dirección Xeral de Tráfico e Policía Local de Pontevedra e destacou que “é de agradecer a súa valentía por cambiar os modelos”. Así mesmo, salientou que a Deputación está no camiño de converter a provincia de Pontevedra nun referente en canto á seguranza viaria. “Iso aínda fará que a provincia sexa máis grande”, sentenzou.
Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera lembrou que a provincia de Pontevedra é a provincia con maior número de sinistros, o que se reflicte nos seguros de coches máis caros de todo o estado español. Salientou que é grave eticamente que as administracións non tomen medidas que saben que poden aplicar á hora de corrixir a situación, polo que defendeu o traballo da Deputación de Pontevedra ao poñer en marcha un plan de choque como o MÓVESE. “Primeiro temos que ter consciencia do problema e, segundo, aprender algo de todos os lados e non escapar da realidade. Debemos tomar isto moi en serio porque se nunha rúa conseguimos menos mortos, menos feridos, menos sensación de perigo e máis habiltabilidade, obteremos unha das maiores satisfaccións da xestión pública. O reto paga a pena e non é tan difícil avanzar”.
Relatores
Nas xornadas de seguranza viaria interviñeron a presidenta de Stop Accidentes Galicia, Jeanne Picard; o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle; e o responsable da área de Mobilidade da Dirección Xeral de Tráfico, Pedro Tomás.
Picard, que perdeu a seu fillo nun sinistro, comezou a súa intervención cun minuto de silencio polas vítimas da violencia viaria e destacou que os accidentes de tráfico supoñen “un problema de estado e de seguridade cidadá”. “Hai xente que aínda esconde as cifras de accidentes, e as familias queremos coñecer a verdade, porque é de xustiza… porque a xustiza é preventiva e coñecendo os erros coñeceremos as solucións”, defendeu.
Pola súa banda, Daniel Macenlle pediu tamén que as administracións, cada unha nas súas competencias, aposten por recuperar os espazos públicos para a cidadanía en lugar de deseñalos para os coches, e destacou, despois de expoñer os datos de efectividade da instalación de lombos de asno e redutores de velocidade no concello de Pontevedra, que é necesario apostar pola accesibilidade universal. “Para un carriño de bebé ou unha cadeira de rodas baixar 18 centímetros da beirarrúa á calzada é unha dificultade. Para un coche subir un lombo desa altura apenas hai complicación: teñen rodas e un motor”, explicou. Neste sentido, Macenlle puxo o exemplo da avenida de Marín, onde a autovía pasa a un carril e os condutores atópanse cun paso sobreelevado logo de sinais que obrigan a reducir a velocidade de 80 qm/h a 30 qm/h: “antes do primeiro lombo vemos que o asfalto está cheo de riscaduras. Temos unha porcentaxe de condutores, sobre os que temos que actuar, que non fan caso ás sinais de velocidade. Pero cando lles doe o coche, que estragan ao pasar a moita velocidade, pasan o segundo lombo como deben. Non lles queda outra saída. Os redutores físicos fan que estes condutores non teñan impunidade. Teñen que baixar a súa velocidade”, destacou.
Finalmente, Pedro Tomás, fixo un avance da ‘Estratexia T’, o plan marco de actuación da DXT para mellorar as travesías en todo o estado. O técnico sinalou a diferente tipoloxía destas vías entre Castela e Galicia e destacou que no caso galego existe un continuo urbano con diferentes núcleos rurais que fai que a mobilidade peonil nas travesías sexa moito máis elevada que noutras localidades. Seguindo a filosofía de todos os demais participantes nas xornadas, Tomás destacou que é preciso “superpoñer a calidade de vida das persoas que viven o transitan polos núcleos urbanos ou rurais ou o seu contorno á calidade da rede viaria pensada unicamente para os vehículos”. “O 69% dos atropelos evítanse reducindo a velocidade. É unha cuestión na que actuar”, afirmou.