O pop rock de Acevedos Delgados ameniza unha nova sesión vermú no Mercado

O pop rock de Acevedos Delgados ameniza unha nova sesión vermú no Mercado Será este domingo 10 de abril a partir 12.30 horas, ao abeiro da campaña de dinamización e reactivación ‘Vive!’ do Concello de Tomiño

Tomiño quenta motores para unha nova xornada esta fin de semana dos seus domingos de sesión vermú, unha das accións programadas dentro de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello coa que se busca reactivar a actividade económica e social do municipio.

Este domingo 10 o público poderá desfrutar dun rato de boa música a cargo do grupo tomiñés Acevedos Delgados, pop rock de versións e temas propios cos que amenizarán o ambiente mentres o público desfruta tomando algo no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño. A música en directo comezará ás 12.30 horas. A actividade será de balde ata completar aforo.

O Concello salienta a grande acollida que está a ter o programa de actividades da campaña ‘Vive!’, que nas dúas primeiras citas dos ‘Sábados con sabor’ e ‘Domingos de sesión vermú’ encheron o mercado e as rúas de animación.