O programa “Coidados porta a porta” chega a Tomiño os días 4, 5 e 6 de abril Unha unidade móbil, que estará instalada no torreiro do Alivio, prestará, de balde, servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, a persoas maiores de 55 anos

Chega a Tomiño a vindeira semana (4, 5 e 6 de abril) o programa “Coidados Porta a Porta”, posto en marcha pola Xunta de Galicia e financiado pola Unión Europea. Nunha unidade móbil, que se instalará no torreiro do Alivio, prestaranse, de forma gratuíta , servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, a persoas maiores de 55 anos residentes en Tomiño, que desexen participar.

A unidade móbil dispón de acceso para persoas con mobilidade reducida (conta con plataforma elevadora). Para poder ser atendidas, as persoas interesadas deben solicitar cita previa chamando ao número de teléfono 622 748 283.

A Consellería de Política Social organiza o programa, a través do cal, 8 vehículos, 2 por cada provincia galega, percorrerán todos os concellos da Comunidade (agás as sete grandes cidades), levando, de balde, os servizos antes mencionados para persoas do rural maiores de 55 anos.

O programa “Coidados Porta a Porta” estenderase ao longo de 2022 e 2023, visitando cada concello en 3 ocasións, cunha duración de entre 3 e 4 días cada vez.

O Departamento de Benestar que dirixe Cristina Martínez, informa que as persoas interesadas poderán acudir o luns 4 de abril de 10 a 11 horas, ao Salón de Plenos do Concello, onde o psicólogo do programa informará polo miúdo a todas as persoas que se acheguen, sobre os servizos prestados.