O Programa “Cos Pés na Terra” comezou onte o seu itinerario informativo e demostrativo A Asociación de Desenvolvemento Eu Rural inicia o seu Programa “Cos Pés na Terra” no que se levarán a cabo diferentes accións de carácter instrutivo relacionadas co sector agrícola e forestal

Tras o acto de presentación do pasado 8 de agosto no Concello de Tomiño, o programa formativo “Cos pés na terra” inaugúrase esta última semana do mes de agosto coa primeira actividade do seu calendario, “Enxertos en plantas de verán”, para a que as prazas de inscrición se esgotaron rápidamente. Este primeiro curso desenvólvese entre o Salón de Plenos do Concello de Tomiño e Viveiros Nilo, onde ten lugar a parte práctica.

Ao longo do que resta de ano e do primeiro trimestre do 2018, a ADR irá desenvolvendo o seu itinerario formativo con actividades e accións relacionadas co ámbito agrícola, forestal e agroalimentario. Entre as materias tratadas destacan por exemplo a preparación de solos e podas para especies froiteiras atlánticas, o control de pragas en cultivos, o uso eficiente da auga ou os enxertos en plantas de inverno. Buscando a promoción da actividade económica agrícola, estudaranse tamén ferramentas útiles para o emprendemento e nocións básicas de networking sobre vendas.

A maiores de todas estas accións teórico-prácticas, a programación complétase cunha visita a Asturias, onde as persoas participantes poderán coñecer de primeira man a xestión das especies froiteiras na Comunidade veciña.

Coa creación da “Escola Eu Rural”, a entidade asociativa busca xerar unha ferramenta que permita dirixir e orientar accións e actividades de índole formativa para o desenvolvemento e a impulso do medio rural, onde se encadra o percorrido formativo “Cos pés na terra”.

Todas as accións terán lugar gracias á promoción da ADR MAIV – Baixo Miño e á financiación ao 75% polo FEADER dentro do Marco do PDR de Galicia 2014 – 2020, e contan coa colaboración do Concello de Tomiño e a entidade ACUBAM. “Cos pés na terra” é un Programa que persigue fomentar o desenvolvemento do medio rural por medio da información e da sensibilización en materia agrícola, e está dirixido a tódalas persoas interesadas do territorio que poden facer as súas pre-inscricións a través da páxina web da ADR Eu Rural, www.eurural.org.