O programa EncaixaT preséntase á comunidade educativa no Consello Escolar Municipal

O programa EncaixaT preséntase á comunidade educativa no Consello Escolar Municipal Trátase dun proxecto innovador de formación socio-educativa e de apoio psicolóxico dirixido á nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, especialmente a aqueles en risco de vulnerabilidade

O Consello Escolar Municipal de Tomiño celebrou o pasado 18 de setembro a súa primeira reunión deste novo curso para abordar todas as novidades do vindeiro ano escolar. Durante este encontro, os e as integrantes do consello, composto por representantes de todo o tecido educativo, económico, social… tomiñés, coñeceron de primeira man o programa EncaixaT, un proxecto pioneiro co que se busca dar apoio ás familias que máis o necesitan dende un enfoque integral, positivo e participativo ofrecendo á mocidade un espazo onde o tempo de estudo se conxuga co traballo a nivel emocional e social e co fomento de hábitos saudables. O programa pretende paliar unha necesidade que se viu agravada debido á aparición da pandemia do Covid-19, que agravou a situación de moitas familias no referido á atención e o coidado dos máis cativos, e constitúe unha ferramenta innovadora que sitúa a Tomiño nunha referencia en políticas de infancia e adolescencia.

O programa, posto en marcha a través so Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), arrancará este mes de outubro e estará dirixido a escolares de primaria e secundaria, especialmente a aqueles que se atopan en situación de vulnerabilidade. Dúas veces á semana reuniranse na Aula CEMIT para traballar en grupo, prestando tamén atención á diversidade e apoio individual a cada participantes. A iniciativa está cofinanciada pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das axudas extraordinarias dirixidas aos concellos de menos de 50.000 habitantes para a prestación de actividades de apoio ás familias para facerlle fronte ao impacto do Covid-19 durante o ano 2020.

Estas sesións estarán centradas en dúas áreas de intervención. Por un lado, traballarase a formación socio-educativa a través de obradoiros específicos e actividades, cun programa enfocado a crear hábitos de estudo e outro ao tempo de lecer e a participación comunitaria. Por outra banda, darase ás e aos participantes apoio psicolóxico centrado na proxección de futuro, na resolución de problemas ou na autonomía persoal.

Segundo os últimos datos do SEAF no intervalo de idade de 6 a 18 anos, atópase o 22% da poboación vulnerable que require de mecanismos de apoio, orientación e supervisión no seu desenvolvemento persoal, educativo e social.

Outros temas

Neste Consello Escolar Municipal o goberno local tamén deu conta de todas as obras de mellora realizadas nos centros escolares durante o verán, nas que se investiron máis de 60.000 euros. Traballos en 6 aulas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés, en cinco centros de educación primaria, nas dúas Galiña Azul e no IES Antón Alonso Ríos aos que se suman os labores de mantemento en todos os centros. Tamén se explicaron todas aquelas obras que se levarán a cabo no vindeiro período vacacional, no Nadal.

Os centros escolares aproveitaron a xuntanza para explicar o protocolo que se está a aplicar como medidas preventivas pola COVID-19. Pola súa parte, o Concello explicou que está a asumir as tarefas de desinfección de todos os colexios, poñendo persoal polas mañás a disposición dos centros para poder desenvolvelas. O Concello reclamará á Xunta o enorme gasto que estes traballos supoñen para a partida destinada a Educación.