O sector agro no Baixo Miño despega en mercados internacionais: exporta a máis de 20 países e factura 68 millóns de euros ao ano A 16ª Mostra de Cultivos acollerá a presentación da primeira Misión Comercial Inversa, que atraerá á rexión a posibles clientes e porá en valor o territorio

O sector agro no Baixo Miño é unha actividade produtiva cun grande impacto social e económico na contorna, cunha actividade de produción crecente e con cada vez máis peso en todas as súas sub áreas: a planta ornamental, a flor, a froita, a horta e o viño, así como os servizos auxiliares. Máis de 1.000 hectáreas de produción, máis de 1.120 persoas empregadas en tempada alta e unha facturación de case 68 millóns de euros, reflicten a importancia do sector en termos de produción, rendabilidade e impacto social, con cada vez máis familias traballando no agro, fixando poboación no rural e mellorando a calidade de vida de toda a veciñanza.

Na era da globalización manter ese crecemento rendible e sustentable pasa pola internacionalización do sector, por coñecer e abrir novos mercados, adaptarse ás novas tendencias, investigar e innovar, especializarse e atraer novas oportunidades. Neste momento, o sector agro no Baixo Miño exporta os seus produtos a máis de 20 países de 5 continentes: ademais de traballar co mercado europeo, as empresas agrarias da contorna comercializan os seus produtos a Canadá, Estados Unidos, México, Porto Rico, Panamá, Colombia, Marrocos, Australia ou Xapón, entre outros.

Misión Comercial Inversa

Para seguir traballando e mellorar ese proceso de internacionalización do sector, a 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que se celebrará do 15 ao 17 de marzo no pavillón de Goián, será o escenario de presentación da primeira Misión Comercial Inversa que se realizará no sur de Galicia e no norte de Portugal. O obxectivo deste proxecto transfronteirizo é contribuír ao posicionamento sectorial atraendo a potenciais compradores e clientes estranxeiros ao territorio para que coñezan de primeira man os produtos e servizos da contorna, buscando así novas oportunidades de negocio.

Trátase dun proxecto de dinamización da economía local enmarcado na Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, cofinanciado ao 75% polo Programa Interreg VA POCTEP, e integrado no Plan Estratéxico da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), no que tamén colaborarán a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) e a Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental (ARA-Cerveira).

Todas as persoas interesadas en coñecer os detalles desta misión comercial, poderán asistir á súa presentación este venres 15 de marzo ás 12.15 horas no pavillón de Goián.