O Servizo de Apoio Familiar de Tomiño traballa en rede coas familias para acompañalas durante o confinamento Creáronse diferentes programas e actividades on-line para reforzar hábitos e rutinas e xestionáronse até o momento máis de 30 conexións a internet

Desde hai máis de 2 meses, debido á excepcional situación de confinamento no fogar, o Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) traballa en consecuencia para acompañar ás familias en todo o proceso e salvagardar o seu benestar, a través de varias iniciativas.

Debido á suspensión da actividade escolar, mobilizáronse unha serie de recursos destinados a rapaces e rapazas escolarizados no municipio, para que puideran acceder a internet e así seguir os contidos educativos desde os seus fogares, promovendo a igualdade de oportunidades durante esta situación excepcional.

Para este cometido estudouse a realidade de cada alumno ou alumna, caso a caso, seguindo unha serie de criterios, mediante unha labor coordinada con todos os centros educativos do concello, tanto de E. Primaria como de E. Secundaria. Asemade, xestionouse o servizo de conexión a internet, e outros recursos necesarios para poder implementalo.

Así, ao redor de 50 familias foron valoradas, e 30 menores xa disfrutan de acceso a internet no fogar, mentres se continúa dando resposta a novos casos diariamente.

Deseñouse tamén o apartado “En Familia” dentro da páxina web municipal (tomino.gal), onde se ofrecen recursos para favorecer a convivencia familiar e afrontar de maneira constructiva o confinamento no fogar, a través dunha serie de propostas de actividades e tarefas variadas dirixidas a estudantes de Educación Infantil e Primaria.

Nesta iniciativa tamén colaboran mestras de centros educativos do propio municipio, coma Quelly Lomba; as profesoras da Escola Municipal de Teatro municipal, e o centro Lingoreta, entre outros.

O programa​ “Medrando En Familia”, pola súa parte, segue preto das familias dando apoio ás súas demandas de crianza da cativadas (sono, rutinas e outras inquedanzas), creando unha rede de apoio virtual e un espazo de confianza, a través das novas formas de comunicación, como é o WhatsApp.

Desde o Servizo de Educación e Apoio Familiar entenden que “é preciso adaptarse á situación actual, é por iso que estamos traballando en novas propostas e iniciativas para acompañar ás familias e protexer o seu benestar nesta nova normalidade que temos”.