O son de Pauliña chega este sábado á praza Pintor Antonio Fernández Antes, o skatepark de Goián será a ubicación escollida, tamén o sábado, para celebrar a nova edición do "Twister Jam", e o domingo terá lugar o concerto da "Operación Triunfiño"

A Axenda de Verán 2022 do Concello de Tomiño continúa cas súas actividades programadas para a última fin de semana do mes de xullo. Nesta ocasión, combinaranse os eventos musicais e os deportivos, coa actuación de Pauliña, a nova edición do “Twister Jam” e a “Operación Triunfiño”, os tres celebrados en Goián.

A praza Pintor Antonio Fernández acollerá a voz de Pauliña ás 22.30h do sábado 30 de xullo, nun concerto no que predominarán o carácter directo e a personalidade da artista, que non deixan indiferente a ninguén. Todos os públicos poderán asistir de balde á actuación, enmarcada no ciclo “O Son das Prazas” organizado polo Concello de Tomiño.

Mais antes do concerto de Pauliña, o skatepark de Goián será a ubicación escollida tamén o sábado para celebrar a nova edición do “Twister Jam”, que xa conquistou as pistas de skateboarding da parroquia o ano pasado baixo o nome de “Eruption Jam”. O evento durará todo o día e incluirá actividades dedicadas a esta disciplina deportiva dende as 11.00h ata as 21.30h, para despois continuar cas actuacións musicais de Pauliña (de 22.30h a 00.00h), Jitaaa x Aldxx, Home Fosforos e J Pharaday (de 00.00h a 1.30h), Royce Rolo (de 1.30h a 3.3oh) e Dj Rapante (3.30h ata o final).

Finalmente, na sesión vermú do domingo 31 de xullo terá lugar o concerto da “Operación Triunfiño”, un obradoiro dirixido por Mónica de Nut o pasado mércores 27 de xullo para formar á mocidade en técnica vocal, actitude escénica e repertorio. O resultado do obradoiro exhibirase o domingo ás 12.00h na praza Pintor Antonio Fernández de Goián.