12 Xul O teixugo Manuel Ochoa no Campionato do Mundo Sub-23 de Slálom Cinco medallas para o Club Deportivo Miño na 3ª Copa Galega de Promoción. Por outra banda, este domingo celebrouse en Monforte de Lemos a 3ª das competicións da Liga Galega de Promoción de Slálom, no que participan nenas e nenos de entre 7 e 13 anos. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con once representantes
Do 6 ao 11 de xullo celebráronse na canle de augas bravas de Tacen-Ljubljana, en Eslovenia, os Campionatos do Mundo Júnior e Sub-23 de piragüismo na súa modalidade de slálom. O tomiñés Manu Ochoa foi un dos integrantes deste equipo, concretamente un dos tres representantes sub-23 de cáiac.
Manuel comezou a súa participación na mañá do martes 6 de xuño na modalidade non olímpica de slálom en equipos, tamén coñecida como patrullas. Xunto con Pau Echaniz e Miquel Travé, formaban un dos conxuntos favoritos para optar ao podio, pero unha penalización de 50 segundos nada máis comezar, na porta 2, deixáronos sen opcións a medalla, rematando décimo terceiros.
O mércores 7 comezou a competición individual coas clasificatorias, Manuel fixo unha boa baixada e conseguiu meterse en semifinais no primeiro intento. Houbo de esperar ao sábado para loitar por un dos dez postos na final, cunha baixada correcta, pero algo lenta, non se achegou aos postos de cabeza, rematando vixésimo cuarto.
Por último, no domingo, participou no slálom extremo, unha modalidade de slálom nova e cada vez con maior importancia por haber acadando a categoría de olímpica para Paris 2024. Comezaron coas eliminatorias para acadar un posto na competición, que Manuel deu superado sen problema co 5º mellor tempo de tódolos participantes. Xa na competición en si, baixadas en grupos de catro, na que se clasifican os dous primeiros en acadar a meta, superou as clasificatorias e caeu en cuartos de final, cunha gran baixada, rematando décimo no campionato do mundo de slálom extremo.
Destacar que outros tres galegos formaron parte da selección, Daniel Pérez do Piragüismo Penedo de Tui, que rematou trixésimo terceiro en C1 sub-23, Ainhoa Lameiro, do mesmo club, que rematou vixésima en C1 sub-23 e Mario Otero do Tea de Mondariz que rematou trixésimo primeiro en K1 júnior.
Baixada en semifinais de slálom
https://youtu.be/kKhqnF2_chw?t=4591
Baixada en extremo
https://youtu.be/QjhvR8yncbo?t=643
Liga Galega de Promoción de Slálom
Por outra banda, este domingo celebrouse en Monforte de Lemos a 3ª das competicións da Liga Galega de Promoción de Slálom, no que participan nenas e nenos de entre 7 e 13 anos. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con once representantes, que acadaron cinco podios, pero que, sobre todo, fixeron deporte, amigos e desfrutaron da xornada.
En K1 muller pre-benxamín Lara Muíños foi a segunda mellor deportista da categoría, acadando a medalla de prata e Itzel del Río foi cuarta.
En K1 muller benxamín Leila Álvarez foi a gañadora e súa irmá Nerea rematou segunda.
En K1 home pre-benxamín subiu ao podio Tiago Rey co terceiro mellor tempo.
En K1 home benxamín tivemos a participación máis numerosa, Alejandro Barreiro rematou sexto, Lois Montenegro sétimo, Leo Álvarez oitavo e Guillermo Vicente noveno.
En K1 home alevín, Javier Lluch fíxose coa medalla de prata co seu segundo posto.
En K1 infantil, Pedro Lomba rematou sétimo.
Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño Teixugos, rematou no cuarto lugar.
Desde o Club Deportivo Miño animan as familias a traer aos seus nenos e nenas para practicar este deporte, no que priman os valores e o bo ambiente, nun momento en que a infancia está tan necesitada de actividade física.
Texto: Rosa Fernández Carrera.