O tomiñés Andrés Álvarez gaña o concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas

O tomiñés Andrés Álvarez gaña o concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas O seu debuxo, unha homenaxe ás matriarcas das familias coa frase ‘Fálame na miña lingua’, irá impreso nas camisetas que se repartirán o 17 de maio

Andrés Álvarez Gómez, máis coñecido como Andrés Laguna e veciño de Vilachán, foi o gañador do concurso de deseño de camisetas do Día das Letras Galegas convocado pola OMIX de Tomiño, co que cada no “se ofrece un lenzo en branco para amosar o agarimo que lle temos á nosa lingua”.

A súa creación é unha homenaxe ás matriarcas da súa familia plasmada no debuxo con liñas dunha nai co seu fillo ou filla no colo protexido polo texto ‘Fálame na miña lingua’. “Nace da crítica e autocrítica do que acontece en varias familias, de como mudamos de idioma cando falamos cun bebé, algo que tamén acontecía na miña familia e que mudou co inicio da nova xeración”, explica o autor do deseño.

Unha transformación que transmite en cada trazo da súa proposta, xa que, como el mesmo conta, “as letras están escritas por aquel que fixo que as cousas mudasen, o meu curmán Xoel. Esa nai, miña prima, non só está protexendo ao meniño coa súa aperta, tamén está protexendo a lingua materna deste, esa que se transmite en cada bico, coliño, agarimo… unha protección da lingua materna, do matriarcado desta terra”.

Andrés Álvarez é graduado en Educación Infantil con mención en psicomotricidade e música e traballa nunha escola de Salceda de Caselas e imparte clases maxistrais de música e movemento na escola da Agrupación Musical de Goián, da que forma parte como membro da directiva e clarinetista da banda. Inquedo cultural e socialmente, sempre forma parte de diferentes asociacións da zona e do grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño dende hai moitos anos.

A súa creación será plasmada nas camisetas que se repartirán entre as persoas participantes nas diferentes actividades que se celebren o vindeiro mércores 17 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas.

O tomiñés Andrés Álvarez gaña o concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas