O tomiñés Manuel Ochoa fai historia ao acadar prata na Copa do Mundo de Slálom Extremo

O tomiñés Manuel Ochoa fai historia ao acadar prata na Copa do Mundo de Slálom Extremo O teixugo formou parte xunto a Luís Fernández do equipo español que participou nesta competición celebrada no Parc Olimpic do Segre

Medalla histórica para o palista tomiñés Manuel Ochoa. O teixugo acadou a prata na modalidade de Slálom Extreno na 2022 ICF Canoe Slalom World Cup Final, última competición internacional da tempada que se disputou a pasada fin de semana nas augas do Parc Olimpic do Segre, na Seu D’Urgel.

Na contrarreloxo do sábado o tomiñés fixo o mellor tempo de todos e meteuse nas probas clasificatorias, superando tamén os enfrontamentos a catro e clasificándose para cuartos de final. Xa na tarde do domingo, amosando un dominio total da situación, gañou con vantaxe cuartos de finais e entrou segundo nas semifinais. No enfrontamento final o checo Heger Vojtech entrou primeiro e, detrás del, case ao tempo, Ochoa e o francés Theo Desvignes. Unha chegada tan igualada que os xuíces tiveron que acudir ao vídeo oficial para determinar cal dos dous entrara primeiro. O resultado final confirma ao teixugo Manuel Ochoa como un dos mellores especialistas do mundo nesta nova modalidade que se estreará como olímpica en París 2024.

O palista participou tamén na modalidade de K1 en slálom, na que, a pesar de entrar directo en semifinais co oitavo posto, non conseguiu estar entre os dez mellores que se disputaron a final. Rematou na vixésimo primeira posición.

Ochoa formaba parte do equipo español da competición, integrado polo tamén teixugo Luís Fernández, que participou en C1. Tras acadar o pase directo a semifinais, nesta parte da competición fixo un espectacular e rapidísimo percorrido, pero dúas penalizacións por toques deixárono fóra e rematou a copa décimo noveno.

Destacou tamén a participación doutra galega, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo Te Importa de Tui, que conseguiu meterse nas finais de C1, rematando nunha máis que destacable sétima posición.

Dende o Concello felicítase aos dous teixugos polos bos resultados acadados e anímaos a seguir loitando e traballando como ata o de agora para superar os durísimos selectivos que lles permitirá seguir formando parte da selección española.