O “Tomiño Gamer” do vindeiro domingo contará coa presenza de “Elvendwarf”, María Rendón Sánchez e Tania Pérez López Ademais, a axenda de verán propón para o xoves 14 na Praza da Mina, "A máquina do tempo"; para o venres 15 á soprano Esperanza Mara na igrexa de Barrantes, e para o sábado 16 na praza de Goián, ao rapeiro Amorodo

O próximo domingo 17 de xullo celebrarase en Goián o Tomiño Gamer, un evento relacionado co mundo do gaming que contará coa participación do creador de videoxogos Gerardo Borjes “Elvendwarf” e de María Rendón Sánchez e Tania Pérez López. O “Tomiño Gamer” forma parte do ciclo “Galicia Gamer”, e acollerá a todas as persoas entre 12 e 35 anos que queiran participar nas actividades relacionadas co ámbito dos videoxogos, entre as que se inclúen conferencias e competicións. O evento terá lugar o domingo 17 de xullo en Goián e incluirá charlas, conferencias e competicións en torno ao emerxente mundo do gaming.

O evento ten lugar nun momento de auxe do gaming como motor económico e social, especialmente tras a importancia acadada durante o confinamento. Deste xeito, impulsarase o debate sobre o valor cultural e educativo dos videoxogos nunha xornada intensiva de convivencia e de actividades.

O “Tomiño Gamer” será emitido en directo con gravación e con subida inmediata de todos os eventos. Ademais, aportaranse dispositivos de xogo para a xornada de tarde, que complementarán as conferencias programadas para a mañá.

Para participar no evento é precisa a inscrición previa no seguinte enlace.

Outra cita moi importante é o concerto lírico da soprano Esperanza Mara, dentro do ciclo Música e Románico, que esta vez nos levará a coñecer mellor á igreza románica de San Vicente de Barrantes. Ese mesmo día, doutro lado da frontera, inaugúrase a XXII Bienal Internacional de Arte de Cerveira, aberta todos os días, de 14.00 a 23.00 horas (hora portuguesa).

Por outra banda, tamén o Teatro Ghazafelhos e o rapeiro e poeta Amorodo contarán cun espazo na axenda do Concello. No que respecta ao primeiro, o Teatro Ghazafelhos trae á Praza da Mina “A máquina do tempo” o xoves 14 de xullo, unha peza de teatro que ilustra dun xeito ameno e pedagóxico a historia das civilizacións. Pablo Patinho e Montse Piñón darán vida á doutora Mon e ao seu axudante Pe, a través dos cales farán un percorrido pola historia, para o que precisarán a axuda do público. O evento terá lugar ás 21h e estará dirixido a un público familiar, con entrada libre e de balde.

En canto ao rapeiro e poeta Amorodo, o sábado 16 de xullo presentará na Praza do Pintor Antonio Fernández os seus versos en forma de rap e hip-hop, ca lingua galega coma un dos seus símbolos distintivos. Dentro do ciclo “O Son das Prazas”, o artista amosará o seu compromiso coa terra, o amor e a cooperación humana, así cona co desenvolvemento sostible. A actuación terá lugar ás 22.30h e será accesible a todos os públicos, tamén de xeito gratuíto.