O xefe territorial de Medio Rural inaugurou en Tomiño unhas xornadas de traballo entre grupos de desenvolvemento de España e Portugal

Os técnicos, ademais de intercambiar experiencias de cooperación, traballarán na posta en marcha do proxecto de formación on line “Potenciando capacidades no rural”

ConcelloTominoGustavoRivas01 (Copy)

Organizado pola Red Rural Nacional / ADR Maiv – Baixo Miño, Tomiño acolle hoxe e mañá o III Intercambio de experiencias Leader no territorio, no que participa unha trintena de técnicos de grupos de desenvolvemento local de España e Portugal.

Este mediodía tivo lugar o acto de benvida aos participantes do “III Intercambio de experiencias LEADER en el territorio”, que se celebra hoxe e mañá en Tomiño, con persoal técnico de máis de 10 grupos de desenvolvemento rural de todo o territorio español (Badajoz, Sevilla, Asturias, Cáceres, Cantabria, Valladolid e Galicia) e 2 de Portugal.

Os expertos, ademais de intercambiar experiencias de cooperación, traballarán na posta en marcha do proxecto de cooperación “Potenciando capacidades no rural”, que ten coma obxectivo crear un sistema de formación en competencias crave para persoas adultas con risco de exclusión social e baixo nivel de formación (baseado nas tecnoloxías da información e comunicación e no software libre), que permita dotarlles desta cualificación para posteriormente acreditarlles profesionalmente, coa finalidade da súa incorporación ao mercado laboral.

DSC_0305 (Copy)

O acto de benvida e inauguración contou coa presenza do xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Antonio Crespo Iglesias e a alcaldesa de Tomiño e presidenta do GDR 14, Sandra González, acompañados ademais polo vicepresidente de COGAMI Pontevedra, Paulo Fontán, e o presidente da asociación de persoas con discapacidade “Vontade” e da mesa de Acción Social do GDR14, Miguel Pazo.

Na súa intervención, Antonio Crespo, salientou a labor levada a cabo nos últimos anos polos grupos de desenvolvemento local, que fan o papel de “bisagra” entre o rural e a Administración, cubrindo -segundo o xefe territorial- un espazo que quedou baleiro tras a crise económica e no que a normativa non sempre é todo o flexible que sería desexable.

Pablo Fontán, en nome de Cogami, resaltou a importancia do desenvolvemento de accións formativas para persoas con discapacidade que habitan no rural, co fin de axudar a paliar as grandes dificultades de inserción laboral deste colectivo, motivo polo cal agradeceu especialmente a idea de levar a cabo o proxecto “Potenciando capacidades no rural”.

DSC_0308 (Copy)

Na mesma liña, manifestouse Miguel Pazo, referíndose á complicada situación das persoas con mobilidade reducida que, a partir de agora, terán unha ferramenta que lles permita acceder á formación e ao mercado laboral.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño e presidenta do GDR14, Sandra González, agradeceu o traballo desenvolto polos técnicos nos últimos anos para sacar adiante moitos proxectos de dinamización económica e social na zona de influencia, fomentando a creación de novas empresas e brindando formación a emprendedores.

Os participantes realizarán varias reunións de traballo, que combinarán con algunhas saídas culturais e turísticas e visitas a empresas da comarca creadas con achegas de fondos Leader.

 

Fotos: Gustavo Rivas

e Gabinete de Comunicación