O xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño arranca en Fitur 2019 o seu Plan Estratéxico de Turismo Alcaldes e alcaldesas dos municipios integrados no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño déronse cita no stand de Galicia

Alcaldes e alcaldesas representantes dos municipios integrados no Xeodestino deron este xoves 24 de xaneiro os primeiros pasos cunha reunión de traballo no stand de Galicia na feira celebrada en Madrid.

O obxectivo é que o Xeodestino poida presentar en Fitur 2020 produtos comercializables que xurdan do propio Plan Estratéxico de Turismo.

A elaboración do Plan será aberta e participativa e terá un enfoque eminentemente práctico que desembocará na creación dunha serie de produtos estrela do xeodestino.

Os alcaldes e alcaldesas dos municipios integrados no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño reuníronse este xoves 24 de xaneiro no stand de Galicia na Feria Internacional de Turismo de Madrid, Fitur 2019, para dar o pistoletazo de saída e comezar a creación dun Plan Estratéxico de Turismo que definirá as liñas mestras coas que todos os municipios implicados (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño e Tui) buscarán a atracción de visitantes nos próximos exercicios. A realización desta acción conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

O obxectivo final do Plan é mellorar a competitividade turística do xeodestino Ría de Vigo – Baixo Miño desenvolvendo produtos turísticos comercializables. Todos estes productos terán como base os recursos turísticos do patrimonio, da cultura e de espazos naturais e paisaxísticos, así como de elementos identitarios e de tradición. Igualmente contarase cos axentes do sector para a súa posta en marcha en diversos mercados.

Varios son os retos aos que se enfronta o xeodestino: a mellora na experiencia turística do visitante, a sustentabilidade omnipresente no sector turístico, a mellora na comercialización de produtos tanto en mercados nacionais como internacionais, a promoción dunha oferta de calidade, etc…

 

 

 

O plan contará cun apartado específico de comunicación e, entre outras accións, crearase unha web específica. Será nesta web onde se facilite o proceso de participación para que calquera profesional ou a propia cidadanía poidan deixar as súas achegas.

Dos produtos turísticos comercializables que resulten do Plan seleccionarase un deles para a súa posta en funcionamento e investirase para a comercialización neste exercicio 2019 en colaboración coa iniciativa privada.

A finalidade última do Plan será a definición de prioridades para o investimento de recursos que poidan conseguir o xeodestino nos próximos exercicios.