O xerente da área sanitaria de Vigo explica aos voceiros de Tomiño a situación sanitaria da comarca Os representantes dos grupos políticos plantexaron ao mandatario as condicións deficientes da atención primaria no centro de saúde local

Francisco Javier Puente, xerente da área sanitaria de Vigo, visitou onte o Concello de Tomiño, co fin de manter unha reunión cos voceiros dos tres grupos políticos que integran a Corporación Municipal, despois de que se solicitara o encontro en outubro do ano pasado e de que se reiterara a petición varias veces nos últimos meses.

Os grupos políticos da corporación (BNG, PP e PSdG-PSOE) plantexaron a través dos seus voceiros, a situación alarmante na que se atopa o centro de saúde tomiñés ante a falta de persoal e as conseguintes deficiencias na asistencia primaria. Tamén abordaron a reapertura do consultorio de Goián, que leva pechado dende o comezo da pandemia.

Logo da manter a reunión coa alcaldesa e voceiros dos grupos da oposición, Puente conversou con membros da plataforma de defensa pola sanidade pública.

“Agradecemos moito que o xerente se trasladara hoxe a Tomiño, para ter unha reunión que vimos pedindo desde o mes de outubro conxuntamente coa oposición”, explicou en primeiro lugar a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

O xerente da área sanitaria viguesa comentou en primeiro lugar que gran parte da solución á falta de médicos existente, podería vir a través do protocolo XIDE para a Xestión Integral da Demanda en Equipo, que se está aplicando de forma experimental, polo que os facultativos deixarían de facer tarefas que non sexan exclusivamente médicas, logrando deste modo atender a máis pacientes.

Respecto á cobertura das prazas, comentou que se emprendería o tema a final do verán, “cousa que agardamos sexa así, xa que nestes momentos están aínda sen cubrir as prazas vacantes ou as substitucións, e cremos que no verán a situación será aínda peor polo tema das vacacións”.

Outro tema que abordaron durante a xuntanza, foi o da reapertura do consultorio de Goián, que se pechou ca pandemia. O xerente comprometeuse a estudar a situación e valorar a reapertura deste punto de atención.