O xurado do programa “Vilas en flor” visita Tomiño para coñecer os avances en temas paisaxísticos e medioambientais Tras a recepción no Concello, amosóuselle novas zonas verdes e peonís recuperadas

Manuel Torres e Xurxo González, dous membros do xurado do programa “Vilas en flor”, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), visitaron novamente Tomiño, co fin de coñecer os espazos verdes de valor ambiental e paisaxístico recentemente recuperados, coma por exemplo, as novas zonas peonís arredor da Praza do Seixo, e varias melloras de axardinamento en diferentes espazos do municipio.

Acompañados polos concelleiros de Obras, Alexandre Pérez, e de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, e do técnico da Eurocidade (Xabier Macías), os membros do xurado visitaron, en primeiro lugar, as obras de recuperación do espazo urbano para a cidadanía, levadas a cabo nas rúas A Guarda, República Arxentina, Colón, etc. pechadas ao tráfico dende hai uns meses. As melloras verdes das contornas de equipamentos coma o Centro de Día, o Auditorio de Goián, Unión del Porvenir (Piñeiro), centros comunitarios de compostaxe, etc., foron outros lugares visitados.

Asemade, amosóuselles diferentes espazos verdes e proxectos medio ambientais do municipio, comezando pola transformación do núcleo urbano do Seixo, axardinamento de rotondas e outras superficies; dando conta tamén da importancia estratéxica do sector agrícola e viveirista na economía da vila.

Previamente ao percorrido, celebrouse unha reunión no Concello, na que se intercambiaron datos sobre as intervencións realizadas no 2020, cun incremento de máis do 50% de zonas verdes, con respecto ao 2019 (pasándose de 26.246 m2 a 40.967 m2), e unha plantación de máis de 300 árbores novas, cun investimento de máis de 45.000 euros.

Os visitantes repasaron os criterios que aplica o xurado á hora de valorar as actuacións dos concellos; entre eles, a creación e mantemento de zonas verdes, número de persoas adicadas a esta labor; promoción destas zonas a través das páxinas web municipais; sistemas de recollida de augas pluviais e rego; medidas de aforro enerxético e uso de biomasa e outras enerxías renovables; fomento da compostaxe e recollida selectiva de lixo, etc.

“Vilas en Flor” é unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes, que chega este ano á súa terceira edición. O programa anual, xurdido en 2018, ten o apoio da Xunta de Galicia, pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a xestión sostible dos mesmos e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente.

Tomiño foi distinguida coma ‘Vila en Flor 2019’, con dúas Flores de Honra, “polo seu traballo na mellora do espazo verde urbano”.