O baile popular é unha parte fundamental de calquera cultura, xa que está vencellado á historia e á sociedade, así como á lingua, á música e incluso ás profesións propias dun territorio. O baile popular galego mostra unha gran riqueza e diversidade, en parte pola orografía e a dispersión demográfica que permitiu que chegasen aos nosos días formas de expresión moi antigas, así como pola influencia do Camiño de Santiago que nutriu a cultura popular con infinidade de fontes.
Presentamos nestas aulas un baile libre de medos, de estereotipos, de xéneros e de discriminación, no que cada persoa poida expresar e sentir o gozo do movemento e a faceta social e liberadora do mesmo. OBXECTIVOS:
- Coñecer os aspectos básicos do baile popular galego.
- Entender o baile como unha forma de expresión.
- Gozar nun ambiente igualitario e libre de estereotipos de xénero.
- Asociar o baile a unha forma lúdica de expresión social.
- Vincular a transmisión oral popular coa música e o baile.