Obradoiro de bailes de serán para a mocidade coa OMIX de Tomiño Aberto o prazo de inscrición deste taller de 4 horas que se impartirá o sábado 13 de maio no Espazo Mercado de Goián

A OMIX de Tomiño prepara para o vindeiro mes de maio un obradoiro de bailes de serán, un taller de catro horas de duración no que mozas e mozos participantes “poderán coñecer os aspectos básicos do baile popular galego, entendelo como unha forma de expresión, gozar dun ambiente igualitario e libre de estereotipos de xénero, asociar o baile a unha forma lúdica de expresión social e vincular a transmisión oral popular coa música e o baile”.

O baile popular é unha parte fundamental de calquera cultura, xa que está vencellado á historia e á sociedade, así como á lingua, á música e incluso ás profesións propias dun territorio. Por este motivo, a OMIX de Tomiño organiza este obradoiro para achegar á mocidade o baile popular galego, que mostra unha gran riqueza e diversidade, en parte pola orografía e a dispersión demográfica, que permitiu que chegaran ata hoxe formas de expresión moi antigas.

O curso impartirase o sábado 13 de maio de 16.00 a 20.00 horas no Espazo Mercado de Goián. Este obradoiro está destinado a mozos e mozas a partir de 12 anos e terá un custo de 10 euros. A inscrición para participar xa está aberta na páxina web do Concello.