O Concello retoma a recollida de enseres e voluminosos Durante a corentena foron moitos os vertidos deste tipo, o que orixinou vertedoiros incontrolados en varios lugares do municipio. O Departamento de Medio Ambiente fai un chamamento á concienciación da cidadanía

O Concellode Tomiño, a través do seu Departamento de Medio Ambiente, vén de retomar o servizo de recollida de enseres e voluminosos, suspendido durante case dous meses, debido á crise sanitaria do Covid19.

Dende o devandito departamento, que dirixe Ana Belén Casaleiro, lembran que para utilizar este servizo, é preciso chamar antes ás oficinas do Concello (986 62 20 01/03 en horario de 8.00 a 14.00), co fin de concertar día e lugar da recollida. O servizo realízase o segundo e cuarto xoves de cada mes.

Asemade, informan que durante o confinamento rexistrouse unha cantidade considerable de vertidos incontrolados que, sumados ás especiais condicións nas que tiñan que traballar os operarios e operarias da recollida de lixo, e ás labores de desinfección que levaron e levan a cabo aínda, fixo moi complicado a prestación do servizo; razón pola cal a concelleira quere agradecer o traballo incansable de aqueles, nestes momentos tan complicados.

Salientan o caso da mala utilización dos contenedores de vidro e o abandono de plásticos agrícolas, que dificulta moito a recollida de residuos sólidos. No caso do vidro, moita xente deposita sacos cheos de botellas ao lado do colector, estando éste baleiro. “É necesario que as persoas saiban que os operarios e operarias que veñen a recollelo, teñen que meter, en moitas ocasións, botella por botella antes de baleiralo, xa que a altura do camión lle impide botar directamente co saco”, comenta Casaleiro.

Os plásticos agrícolas de particulares serán tamén recollidos, previa chamada ao Concello, como calquera outro residuo que non se recolla mediante colector. Máis, durante os últimos dous meses, atopáronse tamén moitos ao carón dos colectores, sen avisoo e creando un “efecto de vertedoiro”. “Estes vertidos incontrolados resultan un foco de posibles infeccións que poñen en risco a saúde dos traballadores e traballadoras”, advirte.

En calquera caso, lembran en relación a estes vertidos, que está prohibido deixar calquer tipo de lixo fóra dos colectores, sen avisar antes a este servizo de recollida. O incumprimento destas normas, recollidas na Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria do Concello de Tomiño (BOP nº 50 do ano 2008, do 11 de marzo, páx 54-77), poderá ser sancionado, en función da súa gravidade, con multas de entre 750 e 30.000 euros.

En caso de dúbida relacionada co lixo, recomendan consultar cos técnicos do Departamento de Medio Ambiente do Concello, ou a través da Linea Verde (Tlf:916308073, correo electrónico: info@lineaverdetomino.gal).

Chamamos á concienciación da veciñanza durante estes momentos de pandemia, nos que precisamos máis que nunca a colaboración de todos e todas para evitar estas situacións”, conclúe Casaleiro.

As fotos pertencen a diferentes vertidos incontrolados realizados en diferentes puntos do concello durante os dous últimos meses.