Oito medallas para o Club Deportivo Miño-Os Teixugos na X edición da Taça Ibérica de Slálom Na clasificación final por equipos o gañador foi o Club Deportivo Miño, seguido de cerca polo PenedoTe importa de Caldelas

Gran festa do piragüismo esta fin de semana nas augas do río Coura. Na aldea de Covas, no lugar de Azenha de Pagade, celebrouse a X edición da Taça Ibérica de Slálom, organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos.

Esta cita é un exemplo máis da cooperación e colaboración galego-portuguesas, pois a Taça puntúa como primeira competición da Liga Portuguesa de slálom  e como segunda Copa da Liga Galega de Slálom. Ademais dos representantes galegos e portugueses, acudiron tamén deportistas do Centro de Alto Rendemento de León, un total  136 os padexeiros e padexeiras tomaron a saída na tarde do sábado nas augas do Coura.

Destacar o alto nivel dos deportistas participantes nas distintas categorías, aínda que se segue botando en falta unha maior presencia feminina.

En K1 sénior o gañador foi Alejandro Drago do club catalá Baix Cinca, nesta categoría oTeixugo Emilio Rodríguez entrou en finais , rematando décimo oitavo, e Alejandro Ochoa foi vixésimo quinto.

En K1 home  júnior o club non levou  representación, e en k1 cadete os dous representantes pasaron a finais, Alexis Segadaes acadou a medalla de bronce e Sergio Rodríguez foi quinto. En K1 infantil Adrián Lluch foi bronce e Mateo Rivas cuarto.

Na categoría absoluta feminina de kaiak a gañadora foi a portuguesa Sara Bastos do ADA Amarante, categoría na que a teixuga Laura Soutelo rematou cuarta. O club tamén levou representación na categoría cadete, Ainhoa Barreiro foi a gañadora e a súa compañeira Alba Soutelo foi segunda, sendo as únicas deportistas que superaron o tempo de corte e entraron en finais.

En C1 sénior, ou absoluto, o gañador foi o teixugo Brais Castro, cunha baixada impresionante, rápida e sen fallos, que o puxeron por diante do segoviano David Cano do Río Eresma e do olímpico José Carvalho do ADA Amarante. Nesta categoría Alejandro Ochoa foi décimo sétimo e Luís Pereira abandonou debido a unha lesión. Na categoría cadete, Samuel Castro foi o mellor, facéndose co ouro da categoría.

En canoa feminino a participación andou baixo mínimos, e so as teixugas da categoría cadete fixeron final, resultando Alba Soutelo primeira e Ainhoa Barreiro segunda.

Oito medallas, polo tanto, para o Club Deportivo Miño nesta emblemática competición. Na clasificación final por equipos o gañador foi o Club Deportivo Miño –Teixugos, seguido de cerca polo PenedoTe importa de Caldelas e o Tea de Mondariz en terceiro lugar.

Dende a Concellería de Deportes do Concello de Tomiño, fan chegar moitos parabéns a todo o club pola organización desta importante proba e os resultados acadados.

Texto: Rosa Fernández Carrera.

Resultados:

http://www.fpcanoagem.pt/uploads/events/files/20190203.Sl.TacaIberica.ResultadosV1.pdf

Fotos:

https://photos.app.goo.gl/eu6c1jhugeLMaFW57