Oito países dan os primeiros pasos para crear unha rede de autoridades locais da Lusofonía O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organizou un encontro en Santiago de Compostela, ao que asistíu Tomiño

A iniciativa botou a andar no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía co fin de contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía culminou esta tarde en Santiago de Compostela cos primeiros pasos para a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS. Representantes de Galicia, Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde e mais São Tomé e Príncipe participaron onte e hoxe no encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co fin de achegarlle a realidade dos países de fala portuguesa aos municipios galegos e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos locais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU.

Máis de 80 persoas asistiron ás xornadas celebradas na Escola Galega de Administración Pública, que arrincaron o martes día 12 coa inauguración institucional e o discurso de apertura a cargo de María Cupane, voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. A tamén alcaldesa de Boane chamou a “redobrar esforzos para lograr os ODS” e salientou a necesidade de “acadar a igualdade de xénero no liderado político”, unha reivindicación que estivo moi presente nos dous días de debate.

Entidades como as asociacións nacionais de municipios de Mozambique e Cabo Verde, gobernos das rexións de Cacheu (Guinea-Bissau) e Príncipe e ou da Provincia de Benguela (Angola) achegaron ‘Os desafíos que afrontan os municipios na localización dos ODS’ ao longo da primeira mesa redonda, na que a busca de solucións locais a problemas globais foi un denominador común. A xornada pechouse coa presentación de ‘Boas prácticas da gobernanza local a prol dos ODS para compartir e cooperar’ chegadas desde Angola, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, o Concello de San Sadurniño e o Concello de As Pontes.

Grande interese colleitou tamén o debate inicial desta mañá, no que entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Centro de Divulgación Ambiental, Xunta de Galicia ou o propio Fondo Galego expuxeron interesantes ‘Experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa’. A derradeira mesa xirou arredor das ‘Alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona’, no marco do ODS 17, que chama a unirse para traballar a prol do desenvolvemento sostible. As entidades participantes no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía presentaron diversos proxectos conxuntos, entre elas a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), o Frente Nacional de Perfeitos (Brasil) ou a Rede Intermunicipal de Cooperación ao Desenvolvemento (Portugal). Ademais, os alcaldes de Ames e Tarrafal (Cabo Verde) aproveitaron a ocasión para renovar o convenio do seu programa de cooperación técnica.

Xa pola tarde, déronse os primeiros pasos para a creación dunha Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS nun coloquio cos oito países presentes. Entre as metas desta rede, estaría fomentar o diálogo e aprendizaxe mutua entre os gobernos municipais, establecer relacións de colaboración para incrementar a eficacia e innovación nos proxectos de cooperación internacional, e posibilitar a posta en marcha de iniciativas comúns en sintonía cos ODS. A partír de aquí, poríanse en marcha as sucesivas fases para constituír formalmente a rede e dotala de contido.

Para rematar, o alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, leu a declaración ‘Solidariedade alén da lingua’, que pon en valor o papel chave dos municipios na concecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A alcaldesa de Moraña e integrante da Comisión Executiva do Fondo Galego, Luisa Piñeiro, foi a encargada de clausurar estes dous días de reflexión para contribuír á erradicación da pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030, como propoñen os ODS.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, e promove numerosas actividades en relación aos desequilibrios Norte-Sur.