Oito persoas descubren os secretos do modelado da man do escultor Magín Picallo Na Aula-Museo Antonio Fernández celébrase estes días un taller que rematará cunha visita ao estudo do artista goianés

Oito persoas celebran estes días de verán o seu primeiro encontro coa arte da escultura en Goián, unha das parroquias de Tomiño con maior concentración de artistas e sede da Aula Museo Antonio Fernández.

E é que este verán a devandita aula museo celebra as súas xa tradicionais actividades estivais, nas que figura un taller de modelado con Magín Picallo, un dos escultores máis recoñecidos do panorama artístico galego e español.

A maioría dos aspirantes son principiantes, aínda que hai algún con estudos de Belas Artes. Tras unhas pequenas notas teóricas, o mestre centrouse en explicar os pasos para modelar con barro unha figura; que na maior parte dos casos, resultou humana e feminina. Preparar a base, de madera neste caso, e o esqueleto da obra, de ferro, onde logo colocarase o barro e moldearase a man e con espátula, a figura escollida. Mentres os aprendices van avanzando, Picallo constrúe as súas e repasa as dos demais; con catro ou cinco toques maxistrais soe bastar para sacar do barro líneas nítidas da anatomía humana.

E aínda que o tempo é moi escaso, as persoas que se inician alcanzan a descubrir o misterio da creación nas súas propias mans. “Esta é toda unha experiencia -di o mestre- ver como o barro vai gañando á xente”.

Entre as figuras recoñecemos dúas meninas, un anxo, un home andando, unha muller embarazada, outra sentada mirando o ceo, etc. Todas levan o selo do autor e tamén o do mestre.

A aventura rematará cunha visita ao taller do escultor, tamén en Goián.

Esta experiencia inscríbese no ciclo “Creando con” organizado pola Aula-Museo Antonio Fernández. A seguinte actividade realizarase o vindeiro fin de semana, coa pintora viguesa afincada en Tomiño, Pilar Alonso, e un curso de iniciación ao debuxo botánico, descubrindo as plantas e flores da beira do Miño; un traballo de campo para aprender a debuxar con lapis, acuarela, pastel ou calquera outra técnica. O segundo día de traballo levarase a cabo no estudo da artista, no barrio tomiñés de Hospital.