Tomiño prioriza a circulación de persoas no novo espazo público do Seixo, establecendo excepcións só para residentes e comerciantes Para o control do acceso de vehículos, o Concello contará cun sistema de cámaras de videovixilancia, coñecido coma "Traffic Eyes Access"

Crear un Área de Preferencia Peonil nas rúas do núcleo urbano do Seixo, con total prioridade para os peóns, e na que non se permitirá a circulación de vehículos, salvo os debidamente autorizados, é a decisión tomada polo Concello de Tomiño, que entrará en vigor en breve, tras o remate das obras de recuperación do espazo público levadas a cabo nos últimos meses.

O obxecto é garantir a mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria, retirando o tráfico de vehículos das rúas República Arxentina, A Guarda, Colón, Camino do Alivio e Praza do Seixo.

Dentro das excepcións, atópanse as persoas residentes, propietarias de comercios ou usuarias de garaxes; vehículos de carga e descarga de mercadorías e gasoil; servizos de emerxencias, ambulancias, bombeiros, policía, taxis e bicicletas, entres outros.

Asemade, non se poderá estacionar na zona, salvo para as persoas residentes, que disporán de 10 minutos para carga e descarga doméstica (carga e descarga de mercadorías, até 30 minutos).Para aparcar, cóntase con tres estacionamentos municipais e gratuitos.

Para o control do acceso de vehículos, o Concello contará cun sistema de cámaras de videovixilancia, coñecido coma “Traffic Eyes Access”; un sistema de recoñecemento de matriculas por OCR, para o control de tráfico en vías urbanas, que funciona de forma centralizada, enviando todas as matrículas detectadas a un servidor central, que comproba cada acceso na lista de vehículos autorizados, e xera as infraccións correspondentes, en caso de non dispor de permiso.

A partir da próxima semana, tanto residentes como comerciantes e demais servizos, terán á súa disposición o modelo de solicitude para a autorización de acceso á zona restrinxida.

Ditas solicitudes poderán presentarse no rexistro de entrada do Concello, ou ben, a través da sede electrónica (tomino.gal).

O concelleiro de Tráfico e Seguridade, Ismael Troncoso, acompañado polo oficial xefe da Policía Local, José R. Álvarez Riveiro, mantivo varias xuntanzas con residentes e comerciantes do núcleo urbano de Tomiño, para informarlles sobre as obras realizadas (1) para a creación dun novo espazo público para a veciñanza, e do conseguinte cambio de prioridades de circulación de persoas e vehículos, escoitando ao mesmo tempo as súas necesidades e inquedanzas. “Queremos salientar a boa acollida das novas medidas por parte de residentes e comerciantes, e agradecemos a súa paciencia e comprensión durante as obras”, comenta o edil.

(1) Obras realizadas cun investimento total de 670.000 euros (500.000 do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra).