Os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño negan que a Xunta lles achegase ningunha axuda extraordinaria para afrontar a crise do Covid-19 Aclaran que as cantidades do Fondo de Cooperación Local existen dende os anos '90 como transferencias aos concellos para o seu normal funcionamento

Os alcaldes e alcaldesas que integran a Mancomunidade do Baixomiño (Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda), mantiveron onte domingo pola tarde, unha videoconferencia co fin de adoptar unha postura común con respecto ás declaracións realizadas pola Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra, relacionadas co Fondo de Cooperación Local, coma se se tratase de fondos extraordinarios para afrontar a crise do Covid-19.

Ditas declaracións parécenlles “completamente falsas e oportunistas; unha falta de respecto institucional aos concellos galegos e un uso partidista do Covid-19”. Aclaran que en toda esta crise sanitaria “os concellos sempre foron leales institucionalmente, por iso non entenden como a Xunta de Galicia anuncia como extraodinarios, uns ingresos que xa estaban asignados aos concellos, para o seu normal funcionamento, dende o mes de outubro”.

Os rexedores e rexedoras da comarca baixomiñota, coincidiron na necesidade de aclarar á poboación que os fondos de cooperación existen dende os anos ’90 nos orzamentos da Xunta como unha asignación aos concellos que se distribúe seguindo criterios obxectivos como poboación, tamaño, número de núcleos de poboación etc., do mesmo xeito que se achegan outras partidas que proveñen do Estado para facer fronte ao normal funcionamento das entidades locais.

Tanto é así, que a devandita transferencia, figuraba xa nos orzamentos da Xunta dende o pasado mes de outubro, polo que os catro concellos que conforman a Mancomunidade do Baixo Miño non recibiron ningunha cantidade extraordinaria para afrontar a crise orixinada polo Coronavirus, senón o que estaba previsto e viña sendo habitual no normal funcionamento das administracións públicas dende hai anos.

Foto: os catro alcaldes da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño (de esquerda a dereita, alcaldes/alcaldesas de A Guarda, Tomiño, Tui e O Rosal), tras a última reunión presencial da mancomunidade, celebrada en Tui antes de que comezara o confinamento.