Os Bolechas voltan a Tomiño para celebrar unha xuntanza feminista A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación do Concello de Tomiño, reparte exemplares a alumnado de educación infantil e primaria

Os Bolechas, personaxes moi queridos por nenos e nenas, regresan a Tomiño cun novo libro dedicado á vila. Esta vez trasládanse a Tomiño para celebrar unha xuntanza feminista.

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación do Concello de Tomiño, a través do Servizo Municipal de Igualdade e Educación, repartiu hoxe exemplares deste novo libro-guía a todo o alumnado de educación infantil e primaria (até 8 anos), co fin de favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades, e fomentar a desaparición dos roles e estereotipos de xénero.

“Este libriño é unha ferramenta didáctica para traballar a igualdade, o rexeitamento da violencia machista, e a resolución dos conflitos, mediante o diálogo, dun xeito accesible e utilizando personaxes familiares para o alumnado, cos que poidan identificarse facilmente”, explica a concelleira Cristina Martínez.

A través do novo texto, incídese de xeito lúdico, na participación activa de nenas e nenos por igual, nos xogos e tomas de decisións, coa intención de que poidan extrapolar estes aprendizaxes á vida cotiá.

O novo libro, protagonizado por Salvadora, unha nena de Tomiño que convida aos Bolechas e a outras amigas e amigos a unha xuntanza feminista, visitando distintos espazos do municipio, coma colexios, Espazo Fortaleza, Praza do Seixo, etc., farase chegar tamén ás ANPAs e á comunidade educativa da vila. Asemade, reservaranse exemplares para as persoas que participan no programa de inclusión familiar “Medrando en Familia”. “A idea é iniciar a andadura en temas de igualdade dende idades temperás, tanto nas familias coma na escola”, comenta a concelleira.

A publicación deste novo libro de Os Bolechas en Tomiño foi posible grazas á adhesión ao Programa de Sensibilización da Secretaría Xeral de Igualdade e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Tomiño suma con este novo exemplar de Os Bolechas, cinco volumes dedicados especialmente á vila en diferentes temas e espazos.

O anterior foi o libro-guía “Os Bolechas limpan Tomiño”; un traballo feito por encargo da Concellería de Medio Ambiente, dentro da campaña de divulgación sobre a compostaxe e a redución do lixo, na que vén traballando o Concello nos últimos anos.