
28 Mar 2018 Os campos de fútbol de Tomiño contan con novos desfibriladores A alcaldesa e o concelleiro de Deportes fixeron entrega dos equipos a responsables dos colectivos AD Tomiño e Goián CF
Varios membros dos clubs realizaron os cursos necesarios para coñecer o funcionamento dos aparatos, adquiridos con fondos achegados pola Deputación Provincial
Na tarde do pasado luns, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, fixeron entrega de dous desfibriladores a responsables dos clubs de fútbol tomiñeses AD Tomiño e Goián CF.
Os equipos foron adquiridos con cargo a subvencións da Deputación de Pontevedra para este fin, e servirán para cubrir a actividade realizada polos equipos que adestran nos campos de fútbol da Carballa (Tomiño) e do Regatiño (Goián).
O concelleiro de Deportes salientou tras a entrega dos desfibriladores, que varios membros dos clubs, realizaron os cursos necesarios para saber manexar os aparatos en caso de necesidade. “Deste xeito, incrementamos a seguridade dos nosos xogadores, no fútbol base e tamén noutras categorías”, comentou Ismael Troncoso.