Os campos de fútbol de Tomiño volven á competición mellorados O campo do Alivio acolle este domingo ás 17.00 h o partido entre o Tomiño Feminino e o Sárdoma B. Será un encontro especial para o club, xa que non compiten dende marzo de 2020

O Concello investiu máis de 500.000 euros para mellorar as instalacións para esta tempada

 

O fútbol volve a Tomiño esta fin de semana. E como di a canción, volve a casa, pero a unha casa renovada e mellorada. O Concello investiu durante os últimos meses 500.000 euros para mellorar os campos do municipio. No do Alivio substituíuse a herba natural pola artificial por 321.000 euros, e tamén se crearon novas redes de drenaxe, rego, iluminación e adquiriuse novo equipamento deportivo. No campo do Regatiño de Goián investíronse 205.000 euros para instalar un novo céspede artificial de nova xeración, repoñer bancos ausentes e substituír os deteriorados.

O concelleiro de Deportes, Francisco Campo, destaca que todas estas intervencións fan “dos nosos campos de fútbol lugares perfectos para a práctica deportiva e para desfrutar dos partidos”. O edil explica que á hora de realizar estas intervencións no Concello teñen presente tanto “ao xogador como o aficionado”, e desexa “os mellores éxitos” aos equipos de Tomiño que competirán este ano para estar no máis alta das táboas.

O Tomiño Feminino volve a competición despois dun ano

O campo do Alivio acolle este domingo ás 17.00 horas o partido entre o Tomiño Feminino e o Sárdoma B. Será un partido especial para o club, xa que non compiten dende marzo de 2020. O seu presidente, Agustín González, está “emocionado” pola volta da liga, este ano, o Tomiño FCF compite na primeira división galega, e asegura que comezan “con moita ilusión”.

No equipo están en plena campaña de socios e animan á veciñanza a unirse para apoiar ao Tomiño Feminino na súa volta á competición.  A tarifa de adultos é de 10 euros mentres que a de xuvenís é de 5 e, a cambio, as persoas socias poderán acceder a descontos en establecementos de Tomiño e poderán viaxar gratis no autobús do equipo senior nos partidos fóra da casa.