Os centros educativos de Tomiño e Cerveira piden unha solución legal para poder realizar máis actividades na fronteira Os dificultosos trámites burocráticos impiden que se celebren moitos intercambios e demais proxectos conxuntos

Directores e representantes dos centros educativos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira explicaron hoxe, durante a segunda xuntanza organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (no marco do programa europeo “B-Solutions), do que tamén á promotora a Eurocidade Cerveira-Tomiño), cada un dos numerosos obstáculos e trámites burocráticos que deben sortear para poder organizar actividades conxuntas.

O experto designado pola Comisión Europea e a Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE), José Manuel Sobrino (Catedrático de Dereito Internacional Público na Universidade da Coruña, especializado en Dereito Comunitario e en Organizacións Internacionais), puido deste xeito, tomar nota de boca dos afectados dos problemas aos que estes se enfrontan cada día  para levar a cabo actividades escolares transfronteirizas. Fíxoo acompañado polo director da AECT Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago e técnicos.

Simplificar os trámites para a mobilidade dos menores participantes en intercambios culturais, deportivos e educativos, utilizando o sentido común e todos os recursos legais existentes, foi a petición xeral dos docentes e directores dos centros educativos, quen explicaron en detalle diferentes casos cos que se atopan, lembrando que a maioría das actividades conxuntas ou intercambios entre o alumnado, terminan por non celebrarse, debido aos impedimentos existentes na actualidade.

O obxectivo é atopar vías para simplificar a mobilidade dos menores que, no ámbito de actividades escolares (excursións, visitas, etc.) ou extraescolares (música, deporte, idiomas, etc.), precisan cruzar a fronteira unhas horas sen a presenza dos seus pais ou titores legais. Na actualidade, este trámite necesario para, por exemplo, asistir á piscina municipal de Cerveira ou á escola de música de Goián (Tomiño), separadas por distancias cortas, é o mesmo que para pasar un mes en Alemaña ou calquera outro país europeo do Espazo Schengen.

O experto xurídico José Manuel Sobrino, salientou a participación de todas as entidades e axentes involucrados na problemática, desde os colexios e asociacións de pais e nais, considerando moi interesante a comunicación mantida durante esta segunda xuntanza e avanzando  que no prazo dun mes, aproximadamente, o informe con posibles solucións estará preparado.

Pola tarde a reunión continuou coas forzas de seguridade (Garda Civil, Garda Nacional Republicana e Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui-Valença do Minho) coma interlocutores, xunto a notarios e solicitadores. Mañá xoves terá lugara deradeira xuntanza, que será unha reunión de colaboración institucional, na que participarán a Xunta de Galicia, a CCDR-N, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a Direção Rexional de Educação do Norte de Portugal e a Direção Rexional do Norte de Portugal – Serviço de Estrangeiros e Fronteiras.