Os concellos deTomiño e Tui recibirán máis de 330.000 euros do Plan Concellos 2017, da Deputación de Pontevedra

O goberno de Carmela Silva aprobou destinar preto de tres millóns de euros para levar a cabo vinte proxectos e investimentos en trece concellos da provincia de Pontevedra. Baiona, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Lalín, Mondariz-Balneario, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, O Porriño, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vilanova de Arousa serán os beneficiarios destas achegas enmarcadas na liña 1, investimentos, do “Plan Concellos 2017”. Carmela Silva subliñou que “con esta relación levamos xa aprobados investimentos para os concellos da provincia por valor de 10.631.582,03€ da liña 1 do Plan Concellos, é dicir, o 41,29% do total correspondente a esta liña, que este ano ascende a 25.750.000 €”.

En concreto, aprobáronse achegas por valor de 334.110,92 € para que os concellos de Tomiño e Tui poidan, entre outras cuestións, realizar o saneamento e mellorar a pavimentación de núcleos rurais así como adquirir material informático.

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou que Tomiño se beneficiará dunha achega de 212.962,95€ a través da cal se vai realizar o saneamento dos núcleos de Vilachán e Sanomedio. Con estes proxectos e os xa aprobados ata o momento, Tomiño, tal e como manifestou Silva, ten xa o 38,53% do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado.

No caso de Tui as achegas ascenden a 121.147,97 € a través dos cales o concello porá en marcha a mellora da pavimentación que une os núcleos de As Chans (Randufe) con Circos (Pazos de Reis) así como o subministro de material e software informático para o concellos. Silva informou, ao respecto, que ata o momento Tui ten aprobado o 37,68% do orzamento correspondente ao Plan Concellos deste ano.