Os grupos políticos da corporación municipal comparten un mesmo manifesto contra a LGTBIfobia O Concello conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+ co lema "Fronte ao odio: Visibilidade, Orgullo e Resiliencia"

OS PARTIDOS POLÍTICOS DE TOMIÑO COMPARTEN O SEGUINTE MANIFESTO coa vontade firme de seguir a traballar conxuntamente para acadar a plena igualdade de dereitos nunha sociedade que non discrimine a ninguén pola súa orientación sexual ou identidade de xénero. Conmemoramos o 28 de xuño como o Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+

A pesar dos avances alcanzados en materia de dereitos LGTBIQA+, quedan moitas lagoas pendentes de ser abordadas polo poder lexislativo especialmente no relativo á loita contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero e ao recoñecemento e protección das persoas LGTBIQA+ vítimas de delitos.

Entendemos que neste contexto, o papel das administracións locais, pola súa especial proximidade á cidadanía, ten que ser decisiva á hora de amparar e defender os dereitos humanos e enmarcando calquera actuación nos principios de igualdade e non discriminación. Concellos e Deputacións Provinciais somos garantes da efectividade da loita pola igualdade e na defensa da convivencia cidadá e axentes esenciais insubstituíbles da protección dos dereitos e liberdades de toda a cidadanía e defensores da non discriminación, con independencia da raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Por isto, os grupos políticos de Tomiño MANIFESTAN:

  • Condenamos enerxicamente calquera discriminación contra as persoas LGTBIQA+ e os seus dereitos fundamentais, incluída a incitación ao odio.

  • Manifestamos a nosa especial preocupación ante o repunte do discurso de odio e negámonos a aceptar como normal posturas políticas que pretenden construír a seu proxecto a costa de negarlle dereitos a unha parte da sociedade por motivo da súa orientación sexual ou identidade de xénero. A loita contra o racismo, a xenofobia, a LGTBIfobia e outras formas de intolerancia é unha loita para fortalecernos como sociedade.

  • Neste ano no que se cumpren tres décadas de reivindicacións LGTBIQA+europeas, queremos apoiar dun xeito expreso todas as accións locais, rexionais, nacionais e europeas que teñan por finalidade a promoción da igualdade, especialmente as dirixidas a loitar contra os estereotipos e mellorar a aceptación social das persoas LGTBIQA+. E queremos recoñecer o traballo das organizacións da sociedade civil que traballan polos dereitos das persoas LGTBIQA+e o valor da colaboración coas Autoridades Locais para poñer fin a calquera discriminación existente e seguir impulsando unhas políticas públicas igualitarias e inclusivas.

Este ano, a manifestación estatal faise baixo o lema Fronte ao odio: Visibilidade, Orgullo e Resiliencia, co que as asociacións convocantes perseguen un dobre obxectivo: denunciar os discursos de odio que se verten contra o colectivo e reclamar a defensa das leis que teñen dotado de dereitos ás persoas LGTBIQA+. Os e as políticas tomiñesas estamos comprometidas con terminar co odio e a discriminación que sofren cada día demasiadas persoas.

Este ano, máis ca nunca, todas as persoas temos que defender a diversidade, berrar alto e claro para rachar con todas as fronteiras coas que cada día a comunidade LGTBIQA+se atopa e que rachemos coas fronteiras que invisibilizan ao colectivo e lle impide reclamar os seus dereitos!