A investigadora e docente Clara Grima coa concelleira de Cultura Cristina Martínez na VII Semana da Educación de Tomiño

“Os nenos e nenas son o petróleo dun país” A investigadora e docente Clara Grima fixo que o público se namorara das matemáticas e da forma de ensinalas na terceira xornada da VII Semana da Educación

“Unha das primeiras cousas que cambiaría sería dividir as aulas á metade, porque é imposible dedicar tempo ou poder recoñecer talento en clases masificadas. E os nenos e nenas son o petróleo dun país, o noso futuro”. A investigadora e docente Clara Grima conquistou ao público coas súas matemáticas e o xeito diferente e ameno de plantexar a súa ensinanza durante a terceira xornada da VII Semana da Educación. Un xeito distinto de abordar unha materia que “está estudado que pode chegar a producir dor real no alumnado só de pensar en enfrontarse a ela” e no que comezou por casualidade, nunha tarde de choiva falando cos seus fillos. “Eu nin facía nin consumía divulgación, estaba feliz investigando e dando clases na facultade ante un público con coñecementos previos razoables, e ao ter que falar con eles dinme conta de que me faltaba linguaxe, faltábanme recursos para poder explicarllas”, salientou esta doutora en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e integrante da lista Forbes dos 22 protagonistas do cambio para o ano 2022.

O seu blog ‘Mati e as súas mateaventuras’ xa existía, pero foi a raíz de contar nel esa tarde cando o proxecto divulgativo de Clara Grima comezou despegar. O seu labor divulgativo é moi amplo e abarca dende a organización de eventos a todos os niveis e para todos os públicos á impartición de charlas e conferencias ou a súa participación en medios de comunicación. Grima namorou ao público coa súa forma de contar as matemáticas e de achegar a todos e todas a unha das súas teorías favoritas, a de grafos, que cando comezou a explicar en obradoiros de primaria descubriu que “provocaba o espírito crítico e a curiosidade de nenos e nenas”.

Un grafo, ese obxecto matemático formado por dous conxuntos, un de punto e outro de aristas, é o que representa por exemplo a rede de contactos tecida con Facebook ou Instagram. Foi precisamente a chegada destas redes sociais virtuais as que permitiron demostrar a veracidade de teorías que naceron coas redes sociais reais, como a dos seis graos. “A última vez que Facebook decidiu medir esta teoría a distancia media era de 3,47 persoas, con todo o que iso conleva”, explicou Grima na charla que buscaba “amosar como ferramentas como os grafos teñen un potencial impresionante para modelar situacións e conflitos cotiás e resolvelos de forma óptima. Só hai que ser curiosa e saber usar algo no que, de momento, non nos gañan os ordenadores: intuición e sentido común”. Gañadora de numerosos premios e recoñecementos, como o Ciencia en acción, o Prisma Especial do Xurado en 2018 ou o Premio Bitácoras ao Mellor Blog de Educación en 2011, dende 2018 é membro do xurado para o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica.