Os reis magos agradecen o esforzo dos nenos e nenas de Tomiño a través dun vídeo Enviaron unha postal a todos eles ante a imposibilidade de facerse a cabalgata, felicitándoos por ser tan valentes durante este ano tan complexo

A complicada situación que atravesa o concello en relación á pandemia do Covid-19 fixo que por motivos de seguridade se tomase a decisión de suspender a tradicional cabalgata de reis. Non obstante, as súas maxestades de Oriente non quixeron esquecerse dos nenos e nenas de Tomiño.

A través dun vídeo da súa visita a Tomiño, quixeron agradecer aos cativos o seu esforzo e valentía nun ano especialmente duro para todos eles, unha actitude exemplar que merece ser recompensada con moreas de agasallos cos que viñeron cargados. Na súa visita real ao concello, ao que chegaron en barco a través do río Miño, estiveron coa alcaldesa Sandra González e visitaron áreas como o Espazo Fortaleza, a Casa do Concello ou o Mercado de Tomiño, onde aproveitaron para comprar produtos locais de calidade, como adoitan facer todos os anos.

Durante os últimos días, os nenos e nenas do municipio tamén recibiron nas súas casas unha postal das súas maxestades de Oriente. Na misiva, os reis lamentan que este ano non poidan desfilar e repartir caramelos e agasallos polas rúas de Tomiño, pero felicitan a valentía e fortaleza dos máis pequenos. Perante a súa visita na noite de reis, solicitan aos máis pequenos que lles deixen máscaras e xeles hidroalcohólicos nun cuarto ventilado, e aseguran que os agasallos veñen desinfectados, polo que non hai nada do que preocuparse.