Os Teixugos levan doce piragüistas de augas bravas á VIII Taça Ibérica de Slálom, celebrada en Covas (Vila Nova de Cerveira)

Esta fin de semana tivo lugar en Covas, Vila Nova de Cerveira, a VIII Taça Ibérica de Slálom, un evento que medra ano a ano e que revoluciona esta pequena aldea cerveirense. Ao longo de dous días, máis de 100 deportistas galegos, portugueses e leoneses mostraron as súas destrezas nas augas do río Coura.

Na tarde do sábado tivo lugar a proba clasificatoria con máis de 150 embarcacións, na que os participantes  obsequiaron aos presentes cunhas baixadas espectaculares. O nivel dalgúns dos deportistas foi moi alto, o que fixo que moitos se quedaran fóra das finais, a pesar de obter unhas moi boas posicións, ao marcar estes o tempo de corte. Tal foi o caso de Marina Ruedas e Laura Alonso que, a pesar de rematar terceira e quinta en K1 sénior feminino, non entraron nas finais.

Ao longo da mañá do domingo disputáronse as finais nas que destacaron as actuacións do canoísta olímpico José Carvalho, do ADA de Amarante, gañador en C1 sénior e que marcou o mellor tempo da xornada, e a do segundo mellor tempo marcado por o tamén portugués Iván Silva, do ABC de Amarante en K1 sénior.

Os Teixugos, un dos organizadores deste evento, levou doce deportistas a medir forzas nas augas bravas do Coura. Sergio Martínez fíxose con dúas pratas en K1 e C1 infantil. O seu compañeiro Samuel Catro foi ouro en C1 infantil e rematou cuarto en K1.

Marco Patiño foi sexto en K1 júnior. Na categoría K1 sénior, Brais Castro foi sétimo, Emilio Rodríguez décimo e Guillermo Pereira, décimo quinto. En C1 sénior Brais acadou a quinta praza. Aihoa Barreiro foi prata en K1 e C1 infantil e na mesma categoría, Alba Soutelo bronce en K1 e ouro en C1. Ariadana Pereira fíxose co bronce en K1 cadete.

Por equipos o gañador foi o ABC con 270 puntos, seguidos do C.P. Penedo de Caldelas con 251, e o Tea de Mondariz con 247. O Club Deportivo Miño rematou cuarto con 223puntos.

Texto: Rosa Fdez. Carrera.