“Oxalá chegue o día en que a resposta á pregunta de se iso entra no exame sexa non, isto entra na vida”

“Oxalá chegue o día en que a resposta á pregunta de se iso entra no exame sexa non, isto entra na vida” Nino Cervera e Natalia R. Valls fixeron reflexionar ao público sobre innovadoras metodoloxías educativas na derradeira xornada da VIII Semana da Educación de Tomiño

Emocionante, divertida, interactiva e, sobre todo, moi práctica e achegada á realidade educativa e vital. Así foi a derradeira charla da VIII Semana da Educación de Tomiño, na que os expertos Nino Cervera e Natalia R. Valls conquistaron a todo o público asistente coa súa visión de como debe ser a docencia e as súas ganas de cambiar o rumbo da educación. A súa premisa de partida, conseguir unha formato educativo no que “o alumnado queira ir, quedarse e volver”.

Fronte a metodoloxías educativas “bulímicas na que o estudantado ten que tragar unha materia para vomitala no exame e que logo esquece”, Cervera e Valls apuntan á necesidade de potenciar competencias e habilidades, achegándose aos rapaces e rapazas, coñecéndoos e comprendéndoos. Porque, como sinalou Valls, “cando presentamos ao noso alumnado un contido que non ven aplicable pregúntanse: e isto para que serve?”. “Oxalá chegue o día no que a resposta á pregunta de se iso entra no exame sexa non, entra na vida”, sinalaba Cervera.

Coa participación activa e implicación do público, o e a docente deron algunhas claves para que as clases sexan boas e capten a atención do alumnado, como “ofrecer contido útil, que lles permita adquirir habilidades para a vida real, na que o profesorado faga unha avaliación formativa e construtiva para conseguir que o estudantado saque o mellor que leva dentro, coas dúas partes implicadas e cun ou cunha docente que axude a nenos e nenas a descubrir a súa vocación”.

“En vez de vernos como xuíces e xuízas debemos vernos como adestradores ou acompañantes na súa aprendizaxe”, sinalaron, “porque se non introducimos estas habilidades nas nosas aulas non seremos docentes, seremos Wikipedias con patas”.

Docente con grande experiencia no sector educativo, dende cativo Cervera soñaba con mellorar o mundo. Co tempo decatouse que para iso era preciso mellorar ás persoas e aínda que é licenciado en Administración e Dirección de Empresas atopou a súa vocación como profesor de secundaria e universidade, organizando proxectos de innovación con impacto social e medio ambiental.

Especializado en innovación e novas metodoloxías educativas, actualmente compaxina o seu traballo como docente nun centro de La Laguna co seu labor en ‘Cambium Sostenible’, unha organización creada xunto con Natalia R. Valls para impartir formación ao profesorado e acompañar á mocidade no desenvolvemento das súas habilidades persoais e profesionais. Autor do libro ‘¿Eres el profe que te hubiera gustado tener?’, o seu obxectivo é “fusionar a educación aplicada á vida real” e cre “firmemente que quen se atreva a ensinar non debe deixar nunca de aprender”.