Pepe Carreiro presenta “Os Bolechas limpan Tomiño” O novo libro-guía, encargado polo Concello coma unha medida máis da campaña de compostaxe e redución do lixo que está levando a cabo a Concellería de Medio Ambiente, será repartido entre o alumnado de 1º de Primaria

Pepe Carreiro, autor de Os Bolechas, visitou onte o Concello de Tomiño para presentar o libro-guía “Os Bolechas limpan Tomiño”; un traballo feito por encargo da Concellería de Medio Ambiente, dentro da campaña de divulgación sobre a compostaxe e a redución do lixo, na que traballa o Concello nos últimos anos.

Na presentación estiveron acompañando ao ilustrador a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e as concelleiras de Medio Ambiente e Cultura, María Xosé Vázquez e Cristina Martínez, respectivamente.

A alcaldesa agradeceu a presenza de Carreiro, lembrando a importancia do seu traballo cos Bolechas durante os últimos 19 anos e resaltando especialmente o libro-guía “Os Bolechas limpan Tomiño”, no que os personaxes fan un percorrido por todos os coles da vila tentando recoller o lixo coa axuda de persoas que traballan na realidade nos centros educativos tomiñeses.

A concelleira de Medio Ambiente, explicou que este novo volume forma parte da campaña de redución de lixo, compostaxe e reciclaxe selectiva que o Concello está a levar a cabo nos últimos años.

Esta primeira edición, de 1000 exemplares, repartirase nos cursos de Primaria dos centros educativos do municipio, chegando a máis de 600 nenos e nenas, onde tamén se impartirán obradoiros relacionados co tema do tratamento e recollida de lixo.

Ademais das aventuras protagonizadas polos populares personaxes infantís, a últimas páxinas do libro adícanse a enumerar os diferentes colectores que existen na vila, con mapas e debuxos explicativos, fomentando os bos hábitos de reciclaxe selectiva e a compostaxe caseira.