Presentación da ESCOLA EU RURAL e do itinerario de actividades para 2017 “Cos pés na terra” Por parte da Alcaldesa de Tomiño e a Presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural MAIV – Baixo Miño

A Presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural MAIV – Baixo Miño e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presentou en Tomiño a ESCOLA EU RURAL e o programa de actividades para 2017.

A Escola EU RURAL concíbese como un instrumento que permitirá á ADR canalizar iniciativas de formación e accións de difusión e sensibilización en materia de desenvolvemento rural dirixido á poboación e todos os sectores e colectivos sociais do territorio de competencia.

No acto, no que tamén participou a presidenta da Asociación de Cultivadores Baixo Miño (ACUBAM), Patricia Rodríguez, foi presentado un itinerario formativo conxunto, promovido por ambas entidades e denominado “Cos pés na terra”.

Trátase dun conxunto de actividades de información e demostración subvencionadas polo FEADER no marco do PDR Galicia 2014-2020, que se executarán no segundo semestre de 2017 e primeiro trimestre de 2018, dirixidas á poboación e persoas traballadoras do medio rural e centradas fundamentalmente no ámbito agrario, forestal e agroalimentario.

Entre as actividades dirixidas ao ámbito agrario e o viveirismo, se encontran  accións sobre preparación de solos, podas e coñecemento das variedades de froiteiras atlánticas; realización de  enxertos en plantas de verán e de inverno; sistemas de control de pragas e uso de productos fitosanitarios ou sistemas de uso eficiente da auga nas explotacións. Como complemento destas actividades está tamén prevista unha visita a explotacións en Asturias relacionadas co aproveitamento de especies froiteiras atlánticas.

Igualmente se levarán a cabo accións dirixidas ao fomento da actividade económica no medio rural, como son as sesións para o coñecemento de ferramentas de emprendemento ou unha xornada centrada no networking relacionado coa venda.

As accións executaranse principalmente no concello de Tomiño e terán un forte carácter práctico, coa colaboración de viveiros da zona. Poderán participar nas accións persoas de todo o territorio de competencia da ADR MAIV-Baixo Miño previa inscrición e admisión de acordo cos criterios de selección establecidos. A inscrición pódese efectuar a través da web www.eurural.org.

Ver tamén a noticia no Faro de Vigo