Protección Civil de Tomiño celebra xornadas de portas abertas para captar socios O domingo 8 de marzo, na Praza do Seixo, haberá obradoiros de primeiros auxilios durante todo o día. O mercado municipal albergará unha interesante exposición fotográfica do traballo desenvolto pola agrupación nos seus 25 anos de vida

A Agrupación de Protección Civil de Tomiño, presidida por Iván Fernández, organiza o vindeiro domingo (8 de marzo), co apoio do Concello de Tomiño, unhas xornadas de portas abertas, co fin de dar a coñecer o traballo que fan de maneira altruísta, e captar novos socios e socias.

A apertura das xornadas será ás 11.00 da mañá, no Mercado Municipal, onde se inaugurará unha interesante exposición fotográfica con imaxes do traballo despregado durante os 25 anos de existencia da agrupación.

Ás 12.00h haberá unha charla informativa sobre o funcionamento da agrupación tomiñesa, con explicación detallada das incidencias e actividades nos que prestan servizo ou funcionan coma apoio das forzas de seguridade locais.

A mesma charla repetirase ás 18.00h co fin de dar a coñecer o traballo de Protección Civil e captar novas persoas que desexen formar parte do colectivo.

Paralelamente, durante toda a xornada, realizaranse na Praza do Seixo, obradoiros de primeiros auxilios e reanimación cardiopulmonar (RCP); técnicas moi útiles para salvar vidas en moitas emerxencias, coma os ataques cardíacos ou afogamentos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso, e os membros de Protección Civil, convidan á cidadanía a participar nestas xornadas de portas abertas, que coincidirán co Día Internacional da Muller, salientando a importante labor que desempeña a agrupación, homenaxeada recentemente pola súa longa traxectoria.