Protección Civil de Tomiño galardoada polos seus 25 anos de traballo O sábado pasado, o presidente da agrupación, recolleu a distinción, acompañado polo concelleiro de Seguridade e voluntarios

A Asociación Nacional de Agrupaciones de Voluntarios de Protección Civil (A.N.A.V) fixo entrega esta fin de semana á Agrupación de Voluntarios de P. Civil Tomiño, de Tomiño da “Placa ao mérito na súa categoría de Ouro” pola súa labor durante 25 anos. O acto tivo lugar o sábado, na Academia Galega de Seguridade (A Estrada), até onde se desprazaron o presidente da agrupación tomiñesa, Iván Fernández, a secretaria, Elsa Ramilo, dous voluntarios máis e o concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso.

O colectivo creouse no ano 1992 e foron varios os seus presidentes. A Agrupación está formada na actualidade por homes e mulleres que realizan anualmente entre 300 e 500 servizos, aproximadamente, colaborando en accidentes de tráfico, accidentes urbanos, incendios forestais, procura de persoas desaparecidas, etc.

As instalacións da agrupación constan dunha oficina e unha sala de descanso. Contan con varios vehículos e demais material que lles permite desenvolver o seu traballo (1 camión, 1 furgón, 1 todo terreo, dous remolques, 2 embarcacións, desfibrilador, etc.). As persoas da agrupación asisten a cursos de forma permanente (accidentes na estrada, primeiros auxilios, incendios urbanos e forestais, aterraxe de aeronaves de emerxencia, de localización de persoas desaparecidas en zonas illadas, etc.).