Proxección e faladoiro do filme ‘Tódalas mulleres que coñezo’

concello-tomino-cartel-todalas-mulleres

Tódalas mulleres que coñezo

 

Proxección do filme e faladoiro con presenza da autora

Tódalas mulleres que coñezo é un filme documental dirixido por Xiana do Teixeiro. Con esta actividade terás a posibilidade de visionar de balde a obra estreada en 2018, seleccionada e premiada en múltiples festivais. Será durante os días 21 e 22 de xullo.

 

Se che presta, o 23 de xullo ás 20.00 horas poderás asistir tamén a un coloquio coa autora no que poder compartir impresións, preguntar curiosidades e crear un espazo para a reflexión colectiva. Para isto é preciso que te rexistres no seguinte formulario e enviarémosche por correo electrónico todas as indicacións:

 

 

O faladoiro terá un límite de prazas de 25 persoas. Esta actividades está dirixida á poboación de entre 16 e 30 anos. Só en caso de quedar prazas libres poderá ampliarse a outras franxas de idade.

 

Preparade flocos de millo e abride ollos e orellas! Habedes gozar do mellor cinema galego dándonos a oportunidade de ollar tamén cara a dentro e cara fóra e imaxinar realidades mais xustas cara as que camiñar.

Introdución de Xiana do Teixeiro, directora do filme

Proxección Tódalas mulleres que coñezo

O filme estivo a disposición do público para o visionado en aberto os días 21 e 22 de xullo.

Faladoiro

O xoves 23 de xullo as 20.00 h, convidámoste a un encontro virtual con Xiana do Teixeiro, autora do filme, que estará dirixido por unha dinamizadora. Despois de ver o filme, na casa ou na praia, en soidade ou en compañía, animámoste a que compartas as túas impresións, preguntes dúbidas ou curiosidades, escoites á autora e a outras persoas interesadas no filme e na temática, etc. É preciso reflexionar e dialogar colectivamente para avanzar cara unha sociedade máis xusta e libre de violencias machistas. 

 

Animámoste a participar deste espazo que durará 1h. Para iso é preciso que te inscribas cubrindo o seguinte formulario. Unha vez feito enviarémoste unha ligazón para acceder á sala virtual e algunhas recomendacións para facilitar a participación virtual.

 

E se non podes agardar a ese día, xa hai algo que che ferve na cabeza e queres compartir ou simplemente non che apetece facelo no faladoiro podes empregar outros medios. O caso é facilitar que expreses  o que che suxeriu o filme, ir lanzando algunha pregunta ou reflexión para que a vaiamos recollendo e telas presentes no coloquio, etc…

 

Podes facelo escribindo por mail ao enderezo andrea@rexenerando.com ou enviando texto ou nota de voz ao 698 157 414.

O filme como espello, un convite ao diálogo

O documentario está concibido para a reflexión sobre os xéneros, o espazo público e as violencias machistas. 

 

Trátase dun percorrido do persoal ao político, no que se entrecruzan conversas e espazos a través das vivencias de mulleres diversas que evidencian o masculinizada e violenta que seguen a ser as rúas hoxe en día. Tres conversas reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, cos que a directora procura articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que no resulte violento. 

 

Faino entendendo que o cine pode ser un espello da sociedade e interesándose por explorar o reflexo nese espello. Abrindo diálogos para indagar como se constrúen nas nosas vivencias e nos nosos corpos a relación co espazo público. De quen son as rúas, as prazas, o día e a madrugada? A quen pertencen e quen son excluídas?

Proxección e faladoiro do filme 'Tódalas mulleres que coñezo'
FICHA TÉCNICA

TÓDALAS MULLERES QUE COÑEZO (Xiana do Teixeiro, 2018)

Gravada en: Lugo e Ourense

Xénero: Documental

Duración: 71 minutos

Teaser da película