Publicada no DOGA a resolución para a construción do Parque Eólico Albariño I Os documentos están desde hoxe a exposición pública no taboleiro de anuncios do Concello. Hai só 15 días para presentar alegacións

No día de hoxe publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOGA) a Resolución da Xefatura Territorial da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico “Albariño I”, emprazado nos concello de Baiona, Oia e Tomiño.

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño informa que desde hoxe, están expostos ao público os documentos no taboleiro de anuncios do concello (https://tomino.sedelectronica.gal/info.0), advertindo ao mesmo tempo, que só hai 15 días para presentar alegacións no caso de particulares afectados.

Datos da instalación que se pretende realizar:
Solicitante: Ceólica Hispania S.L.
Denominación do proxecto: Parque eólico Albariño I.
Concellos afectados: Baiona, Oia e Tomiño (Pontevedra).
Potencia a instalar: 25,28 MW.
Número de aeroxeradores que se van instalar: 6
Produción de enerxía media neta ou vertida á rede: 88,56 GWh/ano.
Orzamento total (execución material): 21.346.827,79 €