Quince persoas desempregadas comezan un curso de xestión administrativa de 900 horas de duración

Ademais das materias específicas de cada curso, impartiranse módulos tranversais sobre inserción laboral, igualdade de xénero e creación de empresas

Quince persoas comezaron esta semana un curso AFD para persoas preferentemente desempregadas de “Actividades de Xestión Administrativa”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Con 897 horas de duración, a actividade, que da dereito ao certificado de profesionalidade Nivel 2, impártese nos locais da antiga Escola Obradoiro ata o vindeiro 15 de decembro. As clases impártense de luns a venres, de 8.00 a 16.00 horas.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Promoción Económica e Réxime Interior, Antonio Tartaglione, visitaron hoxe ao alumnado, composto por quince persoas de Tomiño e concellos limítrofes, co fin de coñecer as súas aspiracións e expectativas en relación a esta nova acción formativa.

Ademais das materias específicas do curso, impartiranse módulos tranversais sobre inserción laboral, igualdade de xénero e creación de empresas, co obxectivo de fomentar a inserción laboral, tras o remate da actividade.

Nos vindeiros días, comezará o outro curso AFD concedido ao Concello de Tomiño, “Instalacións de mantemento de xardíns e zonas verdes” de 508 horas de duración, que rematará a principios de novembro.