Radio Mocidade comeza nova andaina coma emisora escolar do IES Antón Alonso Ríos O equipo de persoas que producía antes “Tope de Gama”, seguirá traballando na radio, fora do horario lectivo

Coincidindo co inicio do ano e coa volta ás aulas, o IES Antón Alonso Ríos programou dúas actividades para inaugurar a nova etapa da Radio Mocidade: obradoiros de podcasts e un concurso de playlists.

Nos obradoiros de podcasts, profesorado e alumnado aprenden a crear, editar e publicar os seus propios podcasts (series de episodios gravados, normalmente sobre un mesmo tema) usando o teléfono móbil. A través da aplicación Anchor, totalmente gratuíta, apréndese a gravar un programa, editar o audio, inserir efectos sonoros, poñer música e publicar o produto final. O primeiro obradoiro comezou onte, 27 de xaneiro.

O encargado de impartir o curso é Filipe Diez, profesor de Portugués no instituto e coordinador da radio escolar, quen asegura que, dependendo da persoa, pode tardar de unha a dúas horas , como máximo, para aprender a facer un podcasts. A intención é que, unha vez feito o cursiño, profesorado e alumnado comece a utilizar nas clases das diferentes materias esta nova ferramenta do ámbito das TICs.

Paralelamente, está a ser convocado un concurso de playlists ou listas de reprodución: cada clase debe, colectivamente, crear unha lista de 30 minutos de duración, que será emitida durante un recreo para todo o instituto. Para equilibrar o grande predominio de música en inglés e español, de modo que o alumnado teña que informarse sobre outras posibilidades, nas listas debe haber polo menos unha canción en galego, por ser a lingua propia de Galicia; e outra en francés ou portugués, linguas que se estudan no centro.

Tamén está prevista a realización dalgunhas emisións especiais, como por exemplo con motivo do Día Mundial da Paz, que se celebra o vindeiro día 30 de xaneiro. Por agora, as emisións só se poden escoitar dentro do recinto do instituto, pero unha vez que remate esta fase de probas, estarán dispoñibles na web radiomocidade.gal, a través da cal se poderá acceder tanto á programación do día ou da semana actuais como ao arquivo que, aos poucos, se irá formando.

Por outra banda, a emisora de Radio Mocidade, que foi cedida ao instituto polo Concello a través dun convenio en abril de 2019, conservará a súa vertiente de participación cidadá; unha das notas características co que naceu hai varios anos. Deste xeito, o equipo de persoas que facían programas coma o “Tope de Gama”, seguirá emitindo, pero fora do horario lectivo. En principio, Marcos Besada e Marcos Casaleiro, Josu, Estéban, Manuel e Jose, seguirán facendo radio todos os luns, de 18.45h a 19.45h. Os primeiros programas serán especiais e contarán, entre outras moitas novidades, coas voces de Ana e Sara, dúas colaboradoras que se atopan en Irlanda. No primeiro deles, celebrado onte, estivo a alcaldesa coma convidada especial.

Foto do obradoiro de podcasts, con alumnos de 3º C da ESO (de esq. a dereita, Martín Arias, Santiago Morell e Martín Mosquera) e o profesor encargado da xestión da radio por parte do IES ( Filipe Diez ).