Récord no VI Desafío Terras de Turonio, que contará con máis de 500 participantes A proba celebrarase o sábado 4 de maio e terá dous percorridos, un de 60 e outro de 103 km. A saída, ás 09.00 h da Praza do Seixo

Chega unha nova edición do maratón de BTT por parellas máis importante do norte de España. A sexta edición do Desafío Terras de Turonio chegará ao centro de Tomiño o vindeiro sábado 4 de maio con récord de inscritos: un total de 516 persoas de distintos puntos de España e Portugal participarán na gran cita do ciclismo de montaña de longa distancia por parellas.

Organizado pola firma Team Relay en colaboración co Concello de Tomiño, o obxectivo desta proba é “pasalo ben, desfrutar do día e das marabillosas paisaxes que imos a atopar durante todo o percorrido”. A carreira tamén conta co patrocinio de Powerade, Xtrembike e Bodegas Altos de Torona.

O punto neurálxico da organización estará situado na Praza do Seixo, punto de saída e meta e onde se colocará a zona de comida, de masaxes ou de entrega de premios, entre outras. Os ciclistas sairán do corazón de Tomiño para enfrontaranse a un percorrido que os levará pola serra da Groba ou Chan da Lagoa, con picos de importantes desniveis e puntos de dificultade 5, como a subida Canteras ou o tramo ‘Camiño de Cabalos’.

A saída será ás 09.00 horas e a duración da proba variará dependendo dos participantes, aínda que a media de duración son seis horas. Para facer que os participantes poidan desfrutar da proba sen contratempos habilitaranse diversos puntos de avituallamento.

O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, recordaba esta mañá durante a presentación no Concello de Tomiño “o éxito crecente desta proba, que cada ano suma máis e máis participantes. Ver a saída con máis de 500 bicicletas dende o centro de Tomiño será un espectáculo único”. Lembrou tamén que durante todo o día, de 07.00 a 18.00 h, a rúa A Guarda permanecerá pechada ao tráfico para o correcto desenvolvemento da proba.