Rematan os Roteiros do Miño transfronteirizos cunha media de 40 persoas por excursión A última andaina "Ruta das Fontes" celebrouse o 24 de outubro, cun rotundo éxito

A Ruta das Fontes celebrada o pasado domingo puxo punto e final aos Roteiros do Miño organizados pola Eurocidade Cerveira-Tomiño. Unha serie de 8 andainas, de distinta dificultade, realizadas entre o mes de xullo e outubro deste ano, co fin de dar a coñecer territorios de valor natural, paisaxístico e patrimonial de ambos os dous lados da fronteira.

A última andaina bateu todas as marcas, con 50 persoas, alcanzando la actividad en xeral unha media de 40, aproximadamente. A Ruta das Fontes tivo unha duración de 4 horas nas que os participantes fixeron un percorrido duns 15 Km., circular e de pouca dificultade.

Interpretativa, de carácter ambiental, baseada nun recurso natural tan importante e necesario como a auga, a acción tentou fomentar un uso responsable dos recursos locais. O itinerario  percorreu por tres comunidades veciñais de augas do concello (Estás, Figueiró e Goián) para coñecer a súa problemática e observar in situ o método de captación, almacenamento, tratamento e distribución da auga levadas a cabo polos propios veciños das parroquias.