Representantes de Tomiño e outros concellos galegos participan en Fuerteventura no IV Encontro estatal co pedagogo italiano Francesco Tonucci Participantes pontevedreses amosaron vídeos dos traballos realizados nos seus municipios e intercambiaron experiencias

A comitiva de concellos da provincia participantes na ‘rede Tonucci’ de cidades das nenas e os nenos pecharon onte unha intensa xornada de traballo no IV Encontro estatal que se está celebrar en Fuerteventura. Representantes dos concellos de Tomiño, A Guarda, Pontevedra, Ponteareas, Cambados, O Grove, Ribadumia, Lalín, Vilaboa, A Guarda, Salceda, Vilagarcía e Cangas escoitaron as propostas do pedagogo italiano para avanzar na súa aposta de converter os municipios da provincia en vilas onde a infancia sexa a medida para desenvolver proxectos e deseños urbanos.

O pedagogo italiano Francesco Tonucci, na súa conferencia marco, insistiu na necesidade de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa, dende a coa infancia, pero apostando por unha visión máis feminina, o que el chamou unha visión “con ollos de nena” nun momento no que é preciso incidir no prezo que “pagan moitas nenas polo feito de ter nacido mulleres: situacións na vida cotiá, dificultades e trampas que teñen que superar nunha contorna que moitas veces lles é allea”.

Así mesmo, o recoñecido pedagogo instou aos concellos pontevedreses a avanzar con determinación aplicando un modelo de mobilidade que permita que as vilas e cidades sexan pensadas “non só para os nenos e as nenas, senón para toda a cidadanía”, insistindo en que cando se pide á rapazada que faga as súas aportacións para conseguir espazos de convivencia conxuntos sempre se acada unha mellora global.

A xornada de onte en Fuerteventura, ademais de co relatorio principal de Francesco Tonucci, comezou co intercambio de experiencias entre os municipios da rede (cuns 60 participantes de Barcelona, Valencia, Granada, Huesca, Jaén, concellos do País Vasco…), expostas tanto por medio de vídeos como de pequenas intervencións faladas, nas que os principais protagonistas foron os camiños escolares e os sistemas de participación infantil nas tomas de decisións políticas. Posteriormente, o sociólogo Marco Marchioni expuxo o seu relatorio ‘A infancia, un ben comunitario’.

Pola tarde, a comitiva pontevedresa tiña previsto participar nunha visita ás rúas peonís de Corralejo guiada por conselleiros e conselleiras do Consello Municipal de La Oliva, para posteriormente coñecer o programa ‘Aventúrate: camiñando cara a escola’ a cargo da responsable de educación do Goberno de Canarias, Soledad Monzón; a técnica da Dirección Xeral de Ordenación, Innovación e Promoción Educativa e Policía Local do concello de La Oliva.

Finalmente, as charlas no auditorio de Corralejo remataron coas intervencións sobre ‘As nenas e nenos da comunidade: camiñando cara a mobilidade creadora atopeime participando na comunitade educadora’, ‘Os dereitos da infancia en situacións de pérdida e morte’, ‘ A aula infantil de innovación intelixente: unha experiencia sustentable dende os nenos e nenas de Fuerteventura’, así como sobre ‘Órganos de participación infantil e adolescente. O proceso de elaboración do plan insular’, a cargo de diferentes expertos socioeducadores e traballadores de administracións canarias.

Hoxe venres desenvolverase o Plenario da rede estatal de cidades para aprobar os estatutos de incorporación e o establecemento dun protocolo de asesoramento a cidades e organismos adheridos, ademais de decidir cal será a vila que acollerá o encontro anual do vindeiro ano, entre outras cuestións.

Grande expectación
O traballo da Deputación en materia de mobilidade amable -continuando o modelo do Concello de Pontevedra- seguiu espertando moito interese tanto entre os participantes do ‘encontro Tonucci’ e tamén entre os medios de comunicación canarios. Así, ademais da entrevista realizada ao vicepresidente Mosquera na radio autonómica canaria, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez e o asesor Jesús Fole realizaron tres entrevistas en directo con radios ‘majoreras’ e tamén un programa de televisión coa emisora autonómica ‘Mírame TV’, que será emitido este fin de semana nun espazo especial no que tamén participará Francesco Tonucci.