Sábado de teatro no Auditorio de Goián con Matrioshka Teatro e a súa “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos” O domingo, na Casa da Cultura, obradoiro de teatro interactivo para familias con nenos e nenas menores de 6 anos

Este sábado, 15 de decembro, ás 22h, no Auditorio de Goián, temos TEATRO, de balde, para homenaxear a Mª Victoria Moreno, con “SEÑORA QUE PASEA POLA RÚA CON DOUS CANS PRECIOSOS”, de Matrioshka Teatro.
Este espectáculo é un percorrido pola vida e obra da escritora homenaxeada este ano o Día das Letras Galegas, que se describía a si mesma coma unha señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos. É un convite a todas as persoas que busquen, precisen e gocen de universos de imaxes e letras, de mulleres que viaxan a contracorrente, de accións e camiños por camiñar…

E o domingo 16 ás 17h, na Casa de Cultura de Tomiño, teatro interactivo gratis para as nenas e nenos menores de seis anos (necesaria inscrición previa). Espectáculo “Minia convídate a xogar” de Teatro Babaluva, especialmente recomendado para desenvolver a creatividade e comunicación cos obxectos que nos rodean.
Minia é unha nena que espera que seu pai e súa nai rematen o seu traballo na oficina. Mentres, decide aproveitar o tempo xogando coas caixas que hai no espazo e que vai transformando en distintos ambientes imaxinados, xogos, aventuras e personaxes.