Saída nocturna en Tomiño para disfrutar das estrelas, patrimonio e lendas locais O Concello de Tomiño continúa coa súa programación de patrimonio coa actividade "Ouro, estrelas e mouros" na parroquia de Pinzás

Este mércores continua “Tomiño único”, o programa promovido pola Concellería de Turismo, Patrimonio e Mocidade do Concello de Tomiño, que busca por en valor e dar a coñecer os elementos patrimoniais cos que Tomiño conta. A proposta para esta semana nos traslada a Pinzás, da man do Instituto de Estudos Miñoranos.

Esta nova cita do programa será un percorrido nocturno que nos permitirá coñecer as antigas minas de ouro romanas, os buracos dos mouros, as veigas de Pinzas e o patrimonio cultural e arquitectónico da zona, así como o patrimonio natural e a importancia e o valor da auga neste paraxe.

A noite rematará facendo un alto no camiño para falar do firmamento, de estrelas e constelacións, de planetas, e das “Bágoas de San Lourenzo” ou “Perseidas”.

Dado que se trata dun roteiro nocturno, recoméndase levar lanterna, roupa de abrigo e algunha manta ou toalla para por no chan e gozar das estrelas cómodamente.

A xeira ten como punto de encontro a Casa de cultura de Pinzás ás 20:00h.

Non é necesaria a inscrición previa.

 

Información adicional:

AS MINAS DE OURO ROMANAS. OS BURACOS DOS MOUROS E OUTRAS

No longo paseo por Pinzás imos ollar unha explotación aurifera romana: Os Buracos dos Mouros, aínda que hai máis no Recosto de Curuxeiras, no lombo de Reinosos, no Lombo do Cazón, todas en Pinzás e continúan nos montes de Barrantes na Tomada do Ferreiro, A Cova da Vela, As Covechas da Cruz do Viso, A Covecha do Carballo, As Minas Vellas ou de considerable tamaño na Presa da Auga, A Regueira do Penedo ou O Buraco da Cova do Loureiro.

PINZÁS. AS VEIGAS DO MIÚDO

Pinzás é unha aldea situada a 350 metros de altura, composta polos barrios da Alpuxarra, Os Muros e A Igrexa. Vista dende a capital do concello fica alá lonxe, pé da Serra da Groba; vista dende O Val Miñor é a primeira fregresía, é a porta de entrada a Tomiño. Esta condición de lugar de ingreso fai que estreme con Oia, Gondomar e Baiona e coa s parroquias de Barrantes, Burgueira, Belesar, Santa Baia, Causo e Tebra. Os preitos polas estremas e pola terra son centenarios, polo menos dende o século XVII ata que en 1851 a Audiencia de Galicia dictamina gravar ben gravados os marcos nas Pinisas, na Boca do Cereixo, na Casa do Loureiro da Portavedra e no Outeiro das Mas, co nome das fregresías estremantes e a data (1851). Hoxe parte destes marcos son historia e monte de Gondomar. Por empeño dos veciños e repetidas peticións ó bispado de Tui, Pinzás escindiuse de Santa María de Tebra en 1761 cumprindo as peticións eclesiásticas: casa reitoral, igrexa e propiedades para provisión de lume do Santísimo que eran dúas tomadas fechadas, A Tomada da Igrexa de Abaixo e A Tomada da Igrexa de Arriba, e unha propiedade aberta: A Tomada das Almiñas. Pinzás é unha aldea de altura coas casas na cota dos 350 metros pero superando os 580m. na Boca da Calzada en contacto con Burgueira e con Barrantes. Pinzás é unha aldea de altura polo patrimonio natural e cultural que atesoura.

O PATRIMONIO NATURAL. AS AUGAS

Canto o patrimonio natural comparte chan e humedais con Santa Baia e Mañufe, xa que aquí temas as fontes do río principal que atravesa todo o concello até desbeber no Miño acolá en Forcadela. Falamos do Cereixo. Esta vea de auga nace na Fonte Salgueira que ten dúas minas que xuntan augas coa s que baixan da Fonte de San Benito para formar o Arroio Fial que lago será O Río Salgueiro que recibe pola esquerda as augas que baixan de Valdepereiras e da Regueiriña Verde e do Pozo das Truitas e das de Madruga e pola dereita das Campurras, da Fonte das Pulgas, da Fonte Arbela e da Fonte Grande que van conformando O Río Grande que segue recibindo pequenas regueiras da Poza da Auga , de Canteiro, dos Arroíños, das Tomadas de Sabarís, da Costa, … Pola dereita aínda baixa O Río do Portiño que xunta nos Fiales as augas de varias regueiras (Verde, Castaños, Cava do Gato, … ) e O Río do Pozo Negro, antes Río Frío que vén de Cavas resumindo Os Carballos Cortados, O Escampado dos Parcos, O Fondón, A Vista Branca, Cavas do Medio, Cavas de Fidalgo, O Estripeiral Pequena, O Penedo dos Millos, a de Serra de Cavas ou O Estripeiral Grande que fende profundamente Os Buracos dos Mauros até A Chan da Poza. Outra manchea de regueiras e regueiriñas botan as augas ó Río Mau que se xunta ca Río Grande por baixo do Muíñode Donato. O Río Mau é A Regueira da Gata Saída que vén congregando todas as vías acuáticas que baixan do Bordo da Poza, ben en monte de Vilachán, ben en monte de Pinzás: As Guteiriñas, Puma riñas As de Vermello, de Campos, da Casiña, da Tomada do Ferreiro. E que lago son Reinosos, Os Barreiros, O Niño Torta, de Pausa, do Grasudo, De Feixoeiro, das Alburas, …

PEDRAS SOLTAS E ENTERRAMENTOS. A MORTE HAI 6000 ANOS

Pero Pinzás non leva habitado dende uns anos antes de separarse de Tebra. Nin tampouco uns centos de anos xa que en distintos sitios da Chan do Cereixo teñen aparecido pedras de cuarcita traídas do Miño e traballadas hai 200.000 ou 300.000 anos, no que en prehistoria se chama paleolítico. O sitio gustáballe: auga e caza. Vindo máis para acá no tempo consérvanse, polo menos catro enterramentos de hai 5000 ou 6000 anos, o que chamamos mámoas e que están, dúas, na Casiña do Ouro, outra preto da Tomada da Igrexa de Arriba e a cuarta no Escampado dos Parcos.

REMATE DA XEIRA COA NOITE DE ESTRELAS

Remataremos esta xeira, xa en plena noite, facendo un alto no camiño para falar do firmamento, de estrelas e constelacións, de planetas… e das “Bágoas de San Lourenzo”.

Como cada ano, a mediados de agosto, convocámonos para contemplar xuntos una das chuvias de estrelas máis agradecidas de todo o ciclo anual: “As Perseidas”, tamén coñecidas como as “Bágoas de San Lourenzo”.

É certo que as noites máis propicias para a súa observación foron as desta pasada fin de semana, especialmente a do sábado para o domingo, pero tamén é certo que naquela altura tiñamos Lúa chea, o que dificultaba bastante a contemplación do ceo nocturno. Nas xornadas inmediatamente anteriores a situación era aínda peor coa Lúa aparecendo polo leste cada vez máis cedo e cada vez máis chea.

Falaremos das “Cousas do calendario”, dos movementos do noso pequeño planeta e das estacións do ano, de distancias e de tempos, da velocidade da luz, dos corpos celestes e tamén das principais estrelas e constelacións da noite estival.

Compartiremos un pouco da historia da astronomía e dalgunhas “historias” da astronomía e remateremos falando de cometas de estrelas fugaces e meteoritos…