Sale a licitación a redacción do proxecto de ampliación e adaptación de espazos do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, no que se investirán 1,8 M€ A alcaldesa acompañou esta mañá ao delegado territorial Luis López nunha visita ao centro educativo

O delegado territorial, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación do proxecto, que definirá a mellora dos talleres de FP e as novas salas para atender o incremento do alumnado, nunha visita ao instituto coa alcaldesa, Sandra González; o xefe territorial de Educación, César PerezAres; a directora do IES, Cruz Garrido; o concelleiro Esteban González Miranda (PP) e técnicos/as.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade proxecta a construción de case 1.300 m² para aumentar a zona lectiva con dez aulas e tamén para incrementar a superficie en administración, área de servizos e zonas de paso.

O proxecto de ampliación e adaptación de espazos do IES Antón Alonso Ríos está orientado a mellorar e incrementar a superficie dos talleres dos ciclos formativos das ramas de electricidade e agraria e a gañar máis aulas, posto que se incrementou a oferta da FP básica en electricidade e electrónica co conseguinte aumento do alumnado, o que dificulta a atención da demanda existente en Bacharelato.

Na actualidade, o IES Antón Alonso Ríos está configurado cun único edificio que reúne as aulas de todas as modalidades educativas: Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos e Formación Profesional.

Por elo, a solución proposta pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade pasa pola ampliación do instituto coa construción de case 1.300 m² novos que permitirán aumentar a zona lectiva con 731 metros para dez novas aulas, que serán unha polivalente de FP, talleres para ciclos (2), aulas de Bacharelato (2), salas de apoio educativo e desdobre (2), un seminario, un espazo de foro e unha zona maker.

Así mesmo, na zona de ampliación tamén se incrementará a superficie das áreas de administración e servizos comúns e das zonas de paso, que gañarán un 25% e favorecerán a ventilación e a circulación para conferir unha maior seguridade sanitaria.